Turgalicia edita un blog para ampliar a presenza do turismo galego en internet

Venres 22 de Xullo de 2011

Turgalicia edita un blog para ampliar a presenza do turismo galego en internet

A sociedade para a promoción do Turismo galego actúa tamén nas principais redes sociais e mantén un servizo de ‘commnunity manager’, que interactúa na internet para resolver as demandas turísticas dos usuarios da rede

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo publicou hoxe na Internet un blog co obxectivo de ampliar a súa presenza na web 2.0 para resolver de xeito máis eficaz as demandas de información e comunicación sobre o turismo de Galicia na rede.

Trátase de optimizar a relación cos usuarios da Internet de xeito que estes poidan obter a mellor comunicación institucional sobre os produtos e os servizos turísticos de Galicia, complementando a información que xa figura na web www.turgalicia.es.

Así, a través do enderezo www.turgalicia.es/blog, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia creou varias categorías nas que se inclúen artigos e imaxes dos recursos e produtos turísticos máis salientables de Galicia, nos idiomas galegos, castelán e inglés.

Estrutura
O novo servizo de comunicación virtual do Turismo de Galicia estrutúrase en, principio, en oito categorías relacionadas co Turismo de Saúde, os espazos naturais, as festas de interese turístico, os museos, as praias, as rutas do viño e o sendeirismo.

O blog de Turgalicia permite tamén a suscrición vía RSS, inclúe unha nube de tags e recomenda outros sitios web relacionados co Turismo galego.

A través do blog do Turismo de Galicia, os internautas poden deixar os seus comentarios sobre os artigos e as fotografías ou para demandar información máis concreta sobre todo o publicado.

Redes sociais
Por outra parte, a Consellería de Cultura e Turismo, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, mantén presenza nas principais redes sociais virtuais co obxecto de interactuar e manter a mellor comunicación posible cos usuarios da Internet que demandan información turística de Galicia.

Dese xeito, Turgalicia mantén conta na rede Facebook, na que ten máis de 9.000 seguidores, así como en Twitter, a través da que interactúa en varios idiomas, incluídos o galego e o castelán.

Turgalicia tamén conta cunha canle en Youtube na que están incluidos os audiovisuais e spots máis salientables do Turismo galego, con preto de 40.000 vídeos vistos, e un espazo na rede social especializada en fotografía Flickr, onde se aloxan varios álbums de fotografías turística de Galicia.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, foi a primeira entidade do seu ámbito en España en ampliar o seu Contact center cos servizos de community manager, de xeito que seis axentes que operan nos idiomas galego, castelán, inglés, francés e alemán, manteñen presenza nas redes sociais virtuais e na Internet en xeral para prescribir e facer suxestións on line sobre os recursos, produtos e servizos turísticos galegos.

A acción do servizo de community manager de Turgalicia está a permitir que o Turismo galego manteña unha presenza moi destacada nas redes sociais e na web 2.0 dos principais mercados emisores de turistas cara á Comunidade galega.