Tres proxectos europeos reforzarán a cooperación de segunda xeración entre Galicia e o Norte de Portugal
Os proxectos están enmarcados no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP)
O director xeral de Administración Local explicou hoxe no Parlamento estas iniciativas que achegaron a Galicia 2,3 millóns procedentes dos fondos FEDER
O director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, compareceu esta mañá no Parlamento galego para informar dos tres proxectos de cooperación territorial Galicia-Norte de Portugal nos que participa o seu departamento neste momento, e que supoñen unha achega ás arcas galegas de 2,3 millóns de euros procedentes de fondos europeos.
Os tres proxectos de cooperación territorial, enmárcanse no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), unha iniciativa que desde o ano 2007 pretende afondar e consolidar as relacións xa existentes entre ambos territorios pero cun novo enfoque de segunda xeración. O POCTEP prima os proxectos inmateriais e a aposta pola competitividade, centrando as súas intervencións na cooperación e na xestión conxunta de infraestruturas, equipamentos e servizos.
Así, o primeiro dos proxectos nos que actualmente participa a Dirección Xeral de Administración Local, dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é o destinado á Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal; que rematará o vindeiro 30 de xuño.
Este proxecto conta cun orzamento de 750.000 euros -dos cales o 75% os achega o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)- e entre os seus obxectivos están reforzar a cohesión territorial, económica e social, desenvolver servizos comúns na Eurorrexión, consolidar redes de cooperación intermunicipal nos campos da xestión, ordenamento do territorio, desenvolvemento empresarial e integración social.
Entre as súas actividades destaca especialmente o lanzamento da Agrupación Territorial de Galicia-Norte de Portugal (AECT), un instrumento de xestión da cooperación de segunda xeración que dende a súa creación actúa como brazo executor dos programas cofinanciados pola Comunidade Europea ou da realización de calquera outra actividade de cooperación transfronteiriza, con ou sen intervención comunitaria.
Instancias Territoriais de Cooperación
O segundo dos proxectos é o referido ás Instancias Territoriais de Cooperación: Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT). Este proxecto xurde como continuación do anterior e permitirá dotar dun contido práctico a esta nova forma de entender a cooperación transfronteiriza, no que a Xunta encargouse de realizar actividades de posta en marcha de novos modelos de xestión de servizos colectivos de proximidade, e a posiblidade de xestionar conxuntamente os equipamentos sociais, culturais e deportivos de municipios do val do Miño, aos dous lados da fronteira.
Conta cun orzamento de máis de un millón de euros, dos cales o 75% son aportados polos fondos FEDER. O proxecto deu comezo no mes de abril e rematará a finais do ano 2012.
Axenda Dixital Local
O último dos proxecto é o da Axenda Dixital Local da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que busca fomentar a cooperación entre os sectores públicos e públicos-privados, establecer mecanismos de coordinación coas entidades locais para o intercambio de experiencias, e promover a cultura da solidariedade dixital, e a prestación conxunta de servizos en liña, entre outros. A Axenda Dixital Local é unha iniciativa posta en marcha polo compromiso das autoridade locais, pola vontade de avanzar cara unha sociedade da información que favoreza o desenvolvemento dos concellos, cidades e rexións do mundo.
A Xunta de Galicia, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte e o Eixo Atlántico asumen o reto de deseñar en por en marcha unha Axenda Dixital Local para a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal, que ten coma obxectivo principal implantar un modelo da sociedade da información , que sexa participativo e adaptable ás distintas áreas urbanas.