Tres proxectos de Galicia concorrerán ao II concurso nacional 'Mayores con Iniciativa'

Martes 16 de Febreiro de 2010

Tres proxectos de Galicia concorrerán ao II concurso nacional 'Mayores con Iniciativa'

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, clausurou a entrega de premios ás mellores iniciativas da rexión.

Un proxecto que pretende recompilar e transmitir os beneficios das tradicionais herbas medicinais, un testemuño audiovisual de mulleres que narran lembranzas da súa vida desde una perspectiva de xénero, e un blog que recolle a historia dunha comarca a través das experiencias dos seus habitantes, son as tres iniciativas que gañaron o II Concurso ‘Mayores cON Iniciativa’ Galicia 2009.

O certame está organizado pola fundación Fundetec para recoñecer o esforzo dos axentes sociais que desenvolven iniciativas orixinais que fomentan a inclusión das persoas maiores na Sociedade da Información, así como a predisposición dos propios maiores, que se animan a participar nestas actividades coa ilusión de aprender algo novo e perder o medo ás novas tecnoloxías.

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia colabora de forma activa no proxecto, ao adherse ao mesmo, no marco da Estratexia Galega para a Sociedade da Información, co obxectivo de incentivar a participación no concurso nesta Comunidade Autónoma.

O resultado é que Galicia foi a segunda comunidade autónoma máis activa desta segunda convocatoria do certame: das 88 candidaturas presentadas, 16 son galegas, e foron promovidas a través da rede de Centros de Dinamización da Sociedade da Información. En total, máis de 260 maiores galegos están adquirindo novas habilidades no uso de Internet e do ordenador grazas a estas accións.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou durante a clausura do acto a importancia das novas tecnoloxías, que “multiplican as posibilidades” no acceso á información e “contribúen á promoción de habilidades e, por suposto, á igualdade”.

Estas posibilidades, subliñou a titular de Benestar, son “especialmente relevantes” para as persoas maiores.

Tres seleccionados

As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminina, do Concello de Allariz. Nesta iniciativa participaron 150 mulleres de contornos rurais que recompilaron os usos e tradicións das diferentes herbas medicinais da zona, realizando fotografías das mesmas e colgando toda esta información nun blog. Deste xeito, estes coñecementos transmitiranse ás xeracións futuras a través das novas tecnoloxías.

Memoria de Muller de Ribadeo, do Centro de Dinamización de Ribadeo. O proxecto ‘Memoria de Muller’ desenvolveuse en diferentes centros de dinamización co obxectivo de recuperar a memoria histórica da muller galega e transportar os seus recordos cara o futuro. No caso de Ribadeo, participaron cinco mulleres que gravaron sendos vídeos nos que cada unha relata aspectos personais, sociais e culturais da súa vida, mesturados con imaxes e música.

Bergantiños: pasado e presente, do Centro de Dinamización de Carballo. Mediante esta iniciativa, un grupo de maiores plasmaron nun blog as súas vivencias, recordos e tradicións relacionadas coa súa terra, publicando os seus textos e as súas fotografías para poñelas a disposición de calquera persoa que queira coñecer mellor a historia da comarca de Bergantiños.

Finalistas do concurso nacional

Ademais de recibir como premio un trofeo tecnolóxico, estas tres iniciativas pasarán á final nacional, xunto coas mellores iniciativas do resto das comunidades autónomas participantes, e poderán optar ao Premio do II Concurso Nacional Mayores cON Iniciativa 2009, que se resolverá 25 de febreiro en Madrid.

O xurado encargado de elixir ás tres iniciativas gañadoras estivo formado por Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica; Coro Piñeiro, directora xeral de Dependencia e Autonomía Personal; Mª Luisa Ansorena, da Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados (UDP) de A Coruña; José Andrade, da Confederación Galega de Maiores (COGAMA); e Serafín González, da Asociación IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela.

Os criterios para a valoración das iniciativas foron a súa creatividade, orixinalidade e innovación, a calidade técnica dos traballos, a utilidade persoal e colectiva da iniciativa, o seu alcance cuantitativo (participación) e cualitativo (repercusión e impacto social), e a súa dificultade de realización.

Parte dun proxecto máis amplo

Este concurso forma parte do proxecto Mayores cON Iniciativa, que busca impulsar a posta en marcha de accións innovadoras e orixinais que consigan atraer a atención dos maiores para que, mediante a súa participación en actividades do seu interese, descubran as vantaxes e utilidades das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e desenvolvan as capacidades e aptitudes necesarias para utilizalas na súa vida cotiá.

O proxecto, de carácter nacional, conta con fondos do Plan Avanza do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Sobre Fundetec

Fundetec (www.fundetec.es) é unha fundación sen ánimo de lucro cuxo principal obxectivo é contribuír ao fomento da Sociedade da Información en España mediante o desenvolvemento de iniciativas que favorezan o acceso de cidadáns, empresas e institucións ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). As accións promovidas por Fundetec estructúranse en torno a tres liñas de traballo: alfabetización dixital de colectivos sociais en risco de exclusión; fomento do uso das TIC en pemes, microempresas e autónomos como ferramenta para mellorar a súa competitividade; e estímulo á formación en TIC dos empregados a través dos programas Hogar Conectado a Internet (HCI).