Tres institutos da capital lucense súmanse aos centros educativos con conexións de 100 megas grazas ao plan de Banda Larga da Xunta
O IES Lucus Augusti, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e IES Leiras Pulpeiro dispoñen desde este mes de conexión á redes Redes de Nova Xeración que lles permitirá un acceso ata 15 veces máis rápido aos s recursos en Internet e o acceso simultáneo de máis usuarios
En Galicia son xa 187 os centros educativos da Comunidade con esta conexión ultrarápida
Esta actuación intégrase no Plan de Banda Larga que está a despregar infraestruturas de telecomunicación para que tanto os centros administrativos como os cidadáns poidan acceder a un servizo de Internet de calidade
Desde principios do mes de maio tres institutos de Lugo, o IES Lucus Augusti, o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e o IES Leiras Pulpeiro, dispoñen dunha conexión á Internet de 100 Mbps, unha velocidade máis de 15 veces superior á que viñan gozando ata o momento.
Esta mellora encádrase nas actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e que posibilitará que os centros educativos de Galicia teñan un acceso de altísima calidade a internet, e así poder desenvolver as políticas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está promovendo para a integración das TIC no ensino e na formación do profesorado.
Trátase de 3 centros da capital lucense integrados no Proxecto Abalar, que destacan polo seu tamaño, tanto no número de aulas Abalar como no número de alumnos, con máis de 800 alumnos os dous primeiros, e con máis de 400 o terceiro.
Na provincia de Lugo xa se dotara desta conexión a 19 centros e en Galicia con estas tres incorporacións son xa 187 os centros educativos que dispoñen de redes de nova xeración en toda Galicia. Con esta mellora na súa conectividade, o profesorado e alumnado dos tres institutos poderá realizar un maior aproveitamento dos recursos do Proxecto Abalar, así como do resto de recursos TIC dispoñibles nos devanditos centros ( máis de 300 ordenadores en cada un).
As redes máis punteiras
Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como o ABALAR para integrar as TIC no sistema educativo. A mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.
A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar, como mínimo, por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito o alumnado poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poderán conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
Plan de Banda Larga
Para o desenvolvemento de proxectos como ABALAR e para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha o pasado ano o Plan de Banda Larga 2010-2013 que posibilitará que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade que lles permita integrarse de xeito efectivo na sociedade da información.
Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps. O obxectivo final desta actuación é darlle cobertura a máis de 1 millón de habitantes con estas redes punteiras, que permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao cliente e adaptarse máis rapidamente ás novas Tecnoloxías da Información e Comunicación.