Tras os apagados analóxicos de seis municipios da Costa da Morte no día de hoxe, 135.000 galegos ven unicamente a TDT

Martes 19 de Xaneiro de 2010

Tras os apagados analóxicos de seis municipios da Costa da Morte no día de hoxe, 135.000 galegos ven unicamente a TDT

Hoxe apagáronse centros pertencentes á área técnica de Santiago, na zona da Costa da Morte, en concreto, o de Muxía, Fisterra, Fisterra 2, Corcubión, Cee, Sardiñeiro, Ézaro-Pindo, Lariño e Muros. Producíronse incidencias técnicas en Corcubión, Cee e Camelle, que se están procedendo a solucionar. Ao longo do día de hoxe constatouse unha diminución de chamadas nos números de información ao cidadán solicitando, principalmente, información sobre a sintonización dos equipos.

Esta mañá continuaron os apagados analóxicos das fases I e II correspondentes ao proceso de implantación da TDT na comunidade. Así, tras os apagados que se produciron no día de hoxe en seis concellos da Costa da Morte, 135.000 galegos de 31 municipios xa reciben unicamente a TDT. Na xornada de hoxe tamén se constatou unha considerable diminución no número de chamadas dos cidadáns recibidas nos números de información 012 e 981 572 154, demandando información, fundamentalmente, sobre a sintonización dos equipos.

Ao longo da mañá de hoxe procedeuse ao apagado en seis concellos: o de Muxía, Cee, Fisterra, Corcubión, Muros e Carnota. Concretamente, os centros que se apagaron foron os de Muxía, Fisterra, Fisterra 2, Corcubión, Cee, Sardiñeiro, Ézaro-Pindo, Lariño e Muros, pertencentes á área técnica de Santiago. Calcúlase que estes ceses beneficiarán a preto de 35.000 persoas desta área xeográfica.

Hoxe rexistráronse dúas incidencias técnicas: a primeira, en Cee e Corcubión, onde uns edificios impiden que algunhas zonas reciban dun dos centros emisores principais, polo que algúns cidadáns non poden ver todas as canles de televisión. Esta incidencia podería deberse tamén a un microreemisor non censado que facilitaba o sinal analóxico. Ademais, detectáronse problemas de sinal en Camelle, onde tamén xa están traballando os técnicos de Retegal para identificar as causas e proceder a subsanalos. Todo parece indicar que podería tratarse, así mesmo, dunha dependencia en analóxico doutro microreemisor rexistrado recentemente e que hoxe non emitiu, descoñecéndose, de momento, de qué centro emisor principal apagado recibía o sinal.

Estas incidencias levan á Secretaría Xeral de Medios a solicitar a todos os cidadáns que se adapten, canto antes, á televisión dixital terrestre co obxectivo de lograr unha máis pronta identificación dos problemas que poidan xurdir.

Ademais, a Secretaría Xeral de Medios lembra que as incidencias puntuais de deficiencia de cobertura que se poidan ter producido en distintos puntos, se resolverán coa maior celeridade posible, en constante colaboración cos alcaldes e cos equipos técnicos despregados.

En canto ás chamadas, recollidas nos teléfonos de información ao cidadán (a través do 012 ou do 981 572 154, da Oficina Técnica da TDT) estas responden, fundamentalmente, a unha incorrecta instalación dos aparatos decodificadores ou a unha incorrecta orientación da antena cara ao emisor axeitado. Tamén se teñen producido confusións de funcionamento co mando a distancia.

Apagados de mañá mércores e do xoves 
Mañá mércores produciranse apagados analóxicos en 14 municipios da comarca de Bergantiños e Coruña (Abegondo, Arteixo, Cabana de Bergantiños, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas).

O xoves, o cese analóxico producirase en 11 municipios (Arzúa, Melide, Touro, Val do Dubra, Ferrol, Muras, Cedeira, Mañón, San Sadurniño, Moeche e O Vicedo).

A Secretaría Xeral de Medios estima que 350.000 galegos de máis de 56 municipios terán realizado o cambio á TDT o próximo xoves, día 21.