Traballo inviste 250.000 euros en axudas para que investigadores galegos constitúan empresas de base tecnolóxica
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asinou hoxe un convenio de colaboración nesta materia cos reitores das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e co presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)
O programa “Empresa-Concepto” facilitou, desde 2004, que os investigadores galegos constituísen un total de 36 empresas
Este proxecto, que se prolonga ata 2012, prevé estudar nese período a viabilidade duns 20 posibles negocios
A Consellería de Traballo e Benestar inviste un total de 250.000 en habilitar axudas e recursos para que os grupos de investigadores galegos constitúan empresas de base tecnolóxica cos resultados do seu traballo. O obxectivo é impulsar a transferencia dos coñecementos do ámbito investigador á sociedade e crear negocios cun “plus de competitividade e innovación”.
Así o recolle o convenio do programa “Empresa-Concepto” que hoxe firmou a conselleira de Traballo e Benestar, cos reitores das universidades de Santiago, Juan José Casares Long; de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia; da Coruña, José María Barja Pérez; e co presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Rafael Rodrigo Montero.
O obxectivo principal deste acordo é fomentar e apoiar o emprendemento desde o eido académico e investigador, ao dinamizar o traballo dos grupos de investigadores de modo que se posibilite a creación de empresas de base tecnolóxica. “Non podemos deixar que as boas ideas que crean non teñan cabida no mercado galego”, declarou Mato.
Por isto, “esta porta aberta para materializar as súas iniciativas” porá a disposición dos investigadores unha serie de recursos que lles facilitarán a posta en marcha dun negocio. Deste xeito, contarán co asesoramento de promotores tecnolóxicos, que desenvolverán este programa en cada un dos grupos de investigación.
O orzamento do programa tamén contempla financiamento para aqueles traballos de consultoría ou calquera outro proceso de avaliación de viabilidade que sexa preciso para a posta en funcionamento das empresas.
Con estas ferramentas, “minimízanse os riscos de entrada no mercado”, xa que, ademais, será a propia Universidade quen faga de plataforma de lanzamento do novo negocio.
O convenio que se asinou hoxe ten unha vixencia de dous anos. A previsión, segundo detallou Mato, é que durante este tempo se analice a viabilidade dos proxectos de 20 grupos de investigación. Terase en conta as súas posibilidades de constituírse en empresa de base tecnolóxica e a súa incidencia na xeración de emprego.
Os resultados que se produzan sumaranse os xa acadados desde 2004, ano no que comezou a funcionar o programa “Empresa-Concepto”. Durante este tempo, avaliáronse preto de 60 proxectos e constituíronse, ao seu abeiro, un total de 36 empresas subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.
“Trátase de empresas de alto valor engadido, que van máis ala do concepto do emprendedor como emprego por conta propia. Achegan a Galicia un plus de competitividade e innovación”, apuntou a conselleira.
Ademais, defendeu o fomento das relacións entre a universidade e a empresa, e entre a innovación e o mercado, como “unha das oportunidades para saír reforzados desta crise”.
Como proba deste compromiso, lembrou que o departamento autonómico que dirixe contou este ano cunha partida de 2 millóns de euros para colaborar coa posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica.