Traballo inicia o luns un total de 70 cursos de teleformación de cooperativismo dirixido a un millar de alumnos

Sábado 15 de Outubro de 2011

Traballo inicia o luns un total de 70 cursos de teleformación de cooperativismo dirixido a un millar de alumnos

O obxectivo da iniciativa, que se estenderá ata o mes de xuño de 2012, é achegar mediante as tecnoloxías da información e comunicación unha formación empresarial cooperativa de calidade, actualidade e interactiva

As accións formativas son gratuítas e están dirixidas principalmente a traballadores de cooperativas, aínda que tamén está abertos a calquera persoa interesada en recibir esta formación

A Consellería de Traballo e Benestar pon en marcha este luns unha nova edición dos cursos de teleformación sobre cooperativismo que contan cun total de 1.050 prazas. Este curso 2011-2012 ofertaranse un total de 70 accións formativas on line que sumarán 1.700 horas. Os cursos de formación e divulgación do cooperativismo desenvolveranse ata o mes de xuño a través da plataforma de teleformación do Consello Galego de Cooperativas. Todas as accións formativas serán gratuítas.

En concreto, ofértanse dez edicións do curso Formación cooperativa básica de 30 horas de duración; cinco accións formativas do curso Formación cooperativa en xestión e dirección de 50 horas de duración; dez cursos sobre Habilidades sociais básicas en cooperativas de 30 horas; cinco de habilidades sociais en cooperativas, nivel avanzado de 50 horas; dez cursos de marketing/comercialización de produtos/servizos de 15 horas; dez edicións do curso Responsabilidade social das cooperativas de 15 horas de duración; dez sobre planeamento estratéxico de 15 horas; e, por último, dez edicións do curso Muller, cooperativismo e igualdade de xénero de 15 horas.

Os cursos de formación cooperativa en xestión e dirección, habilidades sociais básicas en cooperativas e o seu nivel avanzado terán, ademais, sesións presenciais.

O obxectivo principal desta iniciativa é achegar, mediante as tecnoloxías da información e comunicación, unha formación empresarial cooperativa de calidade, actualizada e interactiva, que versará sobre as temáticas mencionadas.

Os destinatarios destes cursos serán principalmente persoas socias e/ou traballadoras de cooperativas, aínda que os cursos tamén están abertos a calquera persoa interesada en recibir esta formación.

Para participar nos cursos será necesario formalizar a inscrición a través da páxina webhttp://www.teleformacioncoopeativa.com ou ben a través do Consello Galego de Cooperativas, na webhttp://www.cooperativasdegalicia.com ou no teléfono 881 999 268.