Traballo e Benestar duplicará o servizo de localizadores GPS para persoas dependentes

Xoves 07 de Xaneiro de 2010

Traballo e Benestar duplicará o servizo de localizadores GPS para persoas dependentes

Máis de cen maiores, menores ou persoas con discapacidade utilizan na actualidade o servizo ‘Acompáñote’, un programa de localización e control voluntario de persoas en situación de especial vulnerabilidade. O próximo ano, a Xunta de Galicia duplicará o servizo e, así, se prevé que os usuarios cheguen ata os 200.

A iniciativa, que financia a Consellería de Traballo e Benestar e xestiona Cruz Vermella, consiste en por a disposición dos coidadores familiares de persoas dependentes ou fráxiles que residen nos seus propios domicilios un pequeno equipo que integra un teléfono móbil con tecnoloxía GSM e un módulo de localización xeográfica vía satélite (GPS) cun centro de control dende o que é posible recuperar a posición exacta de calquera dos equipos. Desta maneira, este dispositivo permite aos coidadores da persoa coñecer en todo momento onde se atopa o seu familiar.

A plataforma tecnolóxica pode incorporar, ademais, naqueles casos que as condicións persoais do usuario así o requiran, a utilización duns detectores de movemento, control de temperatura ambiental e sensores de verticalidade, que teñen como función transmitir avisos de inactividade ou caídas por diversas zonas da casa con fin de poder detectar tamén posibles accidentes no ámbito doméstico.

O obxectivo principal do programa é facilitar a saída do domicilio de persoas con circunstancias persoais que aconsellen o seu control permanente ou que poidan sufrir episodios de desorientación temporal e/ou espacial. Desta forma, increméntase a mobilidade e seguridade destas persoas e se contribúe á tranquilidade das súas familias e coidadores.

Os beneficiarios de ‘Acompáñote’ poden ser todas aquelas persoas maiores, menores ou con discapacidade que debido ás súas condicións de saúde ou limitacións persoais se atopen nunha situación de especial fraxilidade ou vulnerabilidade e teñan residencia efectiva en Galicia.

O prazo de presentación das solicitudes pódese desenvolver durante todo o ano. Unha vez concedido o servizo, é Cruz Vermella o organismo que informa aos novos usuarios da data prevista para a instalación do equipo. Así mesmo, técnicos da entidade social ensinan aos beneficiarios do programa a utilizar o dispositivo e as normas para o seu mantemento