Traballo e a Universidade de Santiago presentan un sistema pioneiro no ámbito da teleprevención sociosanitaria
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, presentaron hoxe en Santiago o programa “Miavizor”
Este proxecto, desenvolvido pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC, é un programa preventivo que ofrece maior seguridade aos maiores que viven sós, a través dun sistema de sensores instalados no fogar
O programa permitirá instalar o sistema en 141 concellos rurais de Lugo e Ourense
Mato salientou que se trata dun programa que axuda a cumprir algúns dos obxectivos prioritarios do Plan Galego de Maiores
A Consellería de Traballo e Benestar e a Universidade de Santiago de Compostela colaboran para favorecer a permanencia no domicilio dos maiores que viven sós, ofrecéndolles unha maior seguridade. Ambas partes veñen de presentar o programa “Miavizor”, un proxecto pioneiro e innovador no ámbito da teleprevención sociosanitaria, máis avanzado e completo que a teleasistencia tradicional.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, presentaron hoxe en Santiago este proxecto. No acto tamén estivo presente a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro.
Esta iniciativa, desenvolvida pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC, permitirá instalar o sistema en fogares do rural de 141 concellos de Lugo e Ourense, do que se beneficiarán 500 usuarios. Neste programa, a Consellería de Traballo vai investir máis de 800.000 euros repartidos en catro anualidades, ata o 2015, dentro do convenio co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para o desenvolvemento do medio rural.
Sistema inalámbrico
O programa “Miavizor” garante a atención ás persoas maiores sen necesidade de que suceda unha urxencia, esta é a principal diferenza coa teleasistencia tradicional, que se limita a proporcionar un sistema de alerta en caso de que se produza unha emerxencia. Isto é posible a través dun sistema inalámbrico de sensores que proporcionan información continua sobre o usuario, o cal permite anticiparse e detectar, por exemplo, se a persoa está a desenvolver hábitos de vida saudables.
O sistema incrementa a seguridade das persoas maiores e, polo tanto, mellora a súa calidade de vida e tamén a dos seus familiares, que contan cun elemento de maior tranquilidade. Entre as vantaxes que ofrece Miavizor está a atención integral, posto que actúa as 24 horas do día e os 365 días do ano. O sistema permite, por exemplo, detectar os hábitos diarios de alimentación do usuario, a través dun sensor localizado na neveira, ou os hábitos de sono, mediante sensores na habitación.
Instalación sinxela
O programa, que se iniciará nas provincias de Lugo e Ourense por ser as que máis acusan a dispersión poboacional, ten unha instalación moi sinxela, xa que non precisa nin de obra nin de mantemento.
Unha das grandes virtudes é que non altera a intimidade dos maiores nin interfire na súa vida cotiá. Isto é posible grazas a que son os sensores inalámbricos os que detectan os movementos e os cambios nos hábitos dos usuarios. A información chega directamente aos familiares ou aos profesionais dos servizos sociais. Deste xeito, resulta máis sinxelo detectar problemas e anticiparse ás medidas correspondentes.
A conselleira valorou moi positivamente que “se poda poñer a tecnoloxía máis avanzada ao servizo das persoas e da mellora da súa calidade de vida”. Por iso, o Goberno galego está a colaborar con esta iniciativa porque “permite dar cumprimento a algúns dos obxectivos prioritarios do no Plan Galego de Maiores: promover a autonomía persoal e retardar ao máximo o internamento en centros residenciais”.