Todos os empresarios asistentes á Xornada Empresas en Rede en Galicia consideran que o uso de tecnoloxía no seu negocio contribúe ao crecemento económico do seu sector
A totalidade de empresarios do sector da venda, mantemento e reparación de vehículos de Galicia que acudiron ás Xornadas afirmaron que a implementación de solucións tecnolóxicas nos procesos de xestión diaria aumenta a produtividade, mellora a atención ao cliente, e aforra tempos e custos
Tras a realización das Xornadas, 8 de cada 10 dos asistentes manifestaron que incorporarán solucións tecnolóxicas nos seus procesos de xestión
Unha enquisa realizada nas 'Xornadas Empresas en Rede' en Santiago de Compostela revela que todos os empresarios do sector da venda, mantemento e reparación de vehículos de Galicia asistentes a esta sesión consideran que o uso de tecnoloxía no seu negocio contribúe ao seu crecemento económico. Estas xornadas están desenvolvidas polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de entidade pública red.es, e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia para promover a implantación de tecnoloxía especifica deste sector entre as pemes, micropemes e autónomos.
Esta enquisa reflicte, segundo aseguraron os empresarios asistentes, que a implantación das solucións tecnolóxicas nos seus procesos de xestión diaria aumenta a produtividade, mellora a atención ao cliente e aforra tempo. Os participantes indicaron tamén que o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) representa un aumento de vendas, unha redución de custos e unha mellora nos procesos internos.
Tras a realización das Xornadas, 8 de cada 10 asistentes manifestaron que incorporarán tecnoloxía nos seus procesos de xestión. O 18% destes empresarios afirmou que implantará o Terminal Punto de Venda (TPV), o 14% incorporará o equipo de diagnose multimarca e o 18% incluirá as dúas aplicacións na súa xestión empresarial. Por outro lado, un 32% dos empresarios manifestou que incorporará outro tipo de solucións tecnolóxicas.
Preocupacións dos empresarios
Os datos obtidos na enquisa mostran tamén que a maior preocupación dos empresarios é a resolución das necesidades do cliente, cun 29%. O aumento do número de clientes (cun 17%), a obtención dunha maior rendibilidade e a mellora na administración (cun 17%), son outros dos obxectivos empresariais das pemes, micropemes e autónomos do comercio minorista que asistiron á sesión.
'Xornadas Empresas en Rede', un programa para promover o uso das TIC
O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia desenvolven as 'Xornadas Empresas en Rede' en Galicia. Este proxecto pertence ao programa de ámbito nacional 'Empresas en Rede', que se enmarca no Plan Avanza2, e consiste na realización de sesións de dinamización e asesoramento tecnolóxico dirixido ás pemes, micropymes e autónomos de máis de 30 cidades españolas. A través destas Xornadas, promóvese a implantación de solucións tecnolóxicas na xestión diaria das empresas.
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
Este proxecto lévase a cabo grazas ao cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellorar a cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais. Neste sentido, as actuacións levadas a cabo por red.es céntranse en fomentar o desenvolvemento do ámbito produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e da sociedade de la información. Red.es é Organismo Intermedio nos Programas Operativos: Programa Operativo Economía Baseada no Coñecemento (POEC), Fondo Tecnolóxico, e distintos Programas Operativos Rexionais.