Telefónica anúncialle ao presidente da Xunta que creará preto de 500 postos de traballo en Galicia en 2013 cun investimento de máis de 100 millóns de euros
O presidente de Telefónica España avanzoulle a Feijóo as liñas de traballo da compañía na Comunidade para o vindeiro ano, que suporán un investimento de 117 millóns de euros na implantación de redes de telecomunicación
O operador ten previsto incrementar en 250 os traballadores do Centro de Atención a Clientes da Coruña e xerar 225 novos empregos grazas a instalación de fibra óptica en 180.000 fogares
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente de Telefónica España, Luis Miguel Gilpérez, na que lle trasladou a aposta do operador pola Comunidade, que en 2013 investirá 117 millóns de euros en Galicia e creará preto de 500 postos de traballo.
Dentro do proceso de localización dos centros de atención a clientes en España, Telefónica ten prevista a creación de 250 novos postos de traballo no Call Center da Coruña en 2013. Este centro, que será un dos principais de España, conta actualmente con máis de 1.200 empregados e en 2012 xerou 150 novos empregos.
Ademais, segundo informou ao presidente galego, Telefónica investirá 37 millóns de euros o vindeiro ano para achegar a fibra óptica a arredor de 180.000 fogares galegos. A implantación destas redes punteiras, que permiten maiores velocidades, contribuirá tamén a xerar 225 empregos no sector das TIC en Galicia.
Por outra banda, o operador manterá o seu investimento anual na extensión de redes fixas e móbiles que se eleva a 80 millóns de euros. Un orzamento que inclúe os compromisos adquiridos por Telefónica no Plan de Banda Larga da Xunta para achegar o acceso a Internet a preto de 340.000 galegos a través de redes 3G e ADSL.
Deste xeito, o presidente de Telefónica España explicou que a compañía manterá o seu compromiso coa Comunidade Autónoma, na que investiu máis de 490 millóns de euros durante a lexislatura.
Cobertura Móbil e LTE
O presidente galego interesouse polos avances do Plan de Mellora da Cobertura Móbil que está a desenvolver Telefónica no marco dun convenio asinado coa Xunta este verán. O operador mellorou a calidade da cobertura en máis da metade do puntos previstos no acordo, situados nas principais vías de comunicación e cidades galegas. Unha actuación que se completa coa extensión de redes 3G no rural grazas ao Plan de Banda Larga.
Grazas á colaboración entre a Xunta e Telefónica, Galicia conta co primeiro punto de acceso á rede LTE, que permitirá o servizo de banda larga en mobilidade con velocidades de ata 100 Mbps. Desde a Xunta trasladóuselle a Telefónica a importancia de establecer unhas cifras de investimento neste área para que cando se comercialice este servizo a Comunidade sexa punteira en redes LTE.