Telefónica adhírese ao pacto dixital de Galicia coa posta en marcha dun centro de emprendemento TIC no Gaiás

Luns 11 de Novembro de 2013

Telefónica adhírese ao pacto dixital de Galicia coa posta en marcha dun centro de emprendemento TIC no Gaiás

A iniciativa ofrecerá a 60 emprendedores do eido tecnolóxico, na súa etapa inicial, un espazo para desenvolver os seus proxectos, recibir asesoramento, orientación e formación

Con Telefónica son xa 11 as empresas TIC de ámbito rexional, nacional e internacional que subscriben a súa posta por investir na Comunidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Telefónica, César Alierta, asinaron esta mañá a adhesión do operador ao Pacto Dixital de Galicia, un acordo no que tanto o Goberno galego como as empresas asinantes asumen un decálogo de compromisos para atraer investimento a Galicia, favorecer a internacionalización das pemes galegas e lograr a colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas para conseguir o crecemento do sector.

Telefónica súmase así ás empresas tecnolóxicas HP, Indra, Everis, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain e o Clúster TIC Galicia, que o pasado mes de xullo subscribiron este acordo co Goberno galego, o primeiro deste tipo que se realiza en España.

A primeira medida que Telefónica adoptará no marco do Pacto é a posta en marcha dun Programa de Apoio ao Emprendemento TIC en Galicia co obxectivo de detectar iniciativas de proxectos tecnolóxicos con alto potencial de crecemento, con impacto a longo prazo na Comunidade e que, á súa vez, permitan o descubrimento de talento e o fortalecemento do tecido empresarial galego.

Centro de Emprendemento TIC
A primeira fase do programa contempla a creación dun Centro de Emprendemento TIC, que ocupará unha superficie de 420 metros cadrados nas instalacións da Cidade da Cultura. O centro ofrecerá a 60 emprendedores do eido tecnolóxico, na súa etapa inicial, un espazo para desenvolver os seus proxectos, recibir asesoramento, orientación e formación, mediante as actividades permanentes que se celebrarán no propio centro e a través do persoal de apoio.

A Xunta e Telefónica asinarán un convenio antes do remate de 2013 para formalizar a creación do centro, que entrará en funcionamento na primavera de 2014.

A segunda fase do proxecto centrarase, exclusivamente, na constitución e desenvolvemento dunha aceleradora de proxectos tecnolóxicos de alto potencial en Galicia, con capacidade para impulsar ata 8 iniciativas TIC. Para apoialas, Telefónica desenvolverá un programa no que empregará a experiencia e os recursos da súa iniciativa Wayra, coa que a compañía está a potenciar a innovación e a detectar novos talentos, así como a apoiar a emprendedores e start-ups en Latinoamérica e Europa no eido das TIC.

Compromisos do Pacto Tecnolóxico
Coa adhesión de Telefónica son xa 11 as empresas tecnolóxicas que plasman nun acordo co Goberno galego o seu compromiso para investir en Galicia e contribuír a converter a Comunidade en polo tecnolóxico de referencia.

Por iso, o Pacto establece, entre os compromisos das empresas asinantes, o de colaborar activamente na captación de financiamento en programas como o Horizonte 2020 para o desenvolvemento de novas liñas de negocio e novos produtos en Galicia. Tamén comprometen a apostar polo rural galego coa extensión de tecnoloxía de nova xeración; a apoiar aos emprendedores dixitais de Galicia e a participar activamente como mecenas dixitais impulsando actuacións que capaciten a cidadanía. Ademais, nos compromisos do sector figura a vontade de garantir, mediante un programa de bolsas, a incorporación ao mercado laboral de universitarios e estudantes de Formación Profesional Obrigratoria do eido tecnolóxico.

O Goberno galego se compromete a elaborar a Lei de desenvolvemento dixital para a transformación de Galicia cara a unha economía baseada no coñecemento. Ademais, garante que capacitará os cidadáns para que poidan integrarse no contorno dixital e que impulsará grandes proxectos tractores de innovación tecnolóxica nos sectores produtivos estratéxicos para Galicia, apostando por convocatorias de financiamento de grandes proxectos que permitirán captar fondos europeos.