Tecnopeixe renova o seu portal en internet e introduce o concepto de web 2.0
É unha iniciativa da secretaría técnica, en mans do Centro Tecnolóxico do Mar
Os membros da plataforma tecnolóxica galega poderán interactuar a través da páxina e contribuír aos contidos da mesma aportando información de interese para o sector
A Plataforma Tecnolóxica TECNOPEIXE vén de renovar a súa páxina web (www.tecnopeixe.org) e de introducir na mesma o concepto 2.0 que permite aos membros do colectivo interactuar a través do portal en Internet e aportar contidos de interese para o sector. Coa posta en marcha destas melloras, a Secretaría Técnica da plataforma, que é responsabilidade do Centro Tecnolóxico do Mar, pretende abrir novas vías de difusión e dinamización e contribuír á implantación e ao uso das tecnoloxías da información e comunicación no sector marítimo-pesqueiro.
Na práctica, as informacións que se xeren de proxectos, iniciativas tecnolóxicas, oferta e demanda tecnolóxica e mesmo a información sobre a capacidade e os intereses dos membros en relación cos temas que son cometido da plataforma, pode estar a disposición dos demais membros deste foro cando e no formato que propoñan os usuarios principais, que son os membros da rede.
Na mesma liña, TECNOPEIXE está presente en Facebook, onde todos poden compartir novas, enlaces, eventos e información de interese para o sector. No caso das persoas que prefiran recibir as novidades no seu correo electrónico, poderán facelo subscribíndose ao RSS que tamén figurará no portal proximamente.
A páxina mantén tamén o apartado no que se ofrece información sobre a propia plataforma, sobre os seus membros e sobre os grupos de traballo operativos, así como o que da acceso a novidades e enlaces de interese para o sector, a convocatorias, ás actividades do colectivo e á documentación xerada. Tamén segue operativa a zona privada, á que teñen acceso só os socios e onde os contidos corresponden a un interese máis particular.