Técnicos municipais das comarcas de Ferrol, Ortegal e Terra Chá participan hoxe nunha xornada formativa organizada por Modernización e o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións
O obxectivo é capacitar a estes profesionais na tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación
A xornada será impartida por enxeñeiros de Telecomunicación con gran experiencia neste campo e pertencentes ao COETG
Forma parte dun Plan formativo cun total de 20 sesións destinadas aos técnicos dos 315 concellos galegos
Coa documentación xerada crearase un manual de referencia para os municipios galegos que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación destes permisos
A aula CeMIT de Ferrol acolle hoxe unha xornada formativa destinada aos técnicos municipais e responsables dos gobernos locais con competencias en materia de urbanismo e novas tecnoloxías. Na xornada, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, participarán 10 profesionais dos concellos de Cerdido, Fene, Narón, Neda, Ortigueira, Valdoviño e Guitiriz.
O obxectivo desta xornada, enmarcada nun Plan formativo que destinado a técnicos dos 315 concellos galegos, é capacitar a estes profesionais na tramitación das licencias municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, tanto no relativo ás urbanísticas como ás de nova apertura ou funcionamento.
Esta iniciativa enmárcase nun convenio asinado entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira, e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, no que ademais se contempla o fomento das Telecomunicacións e da Sociedade da Información a través de outras accións como a promoción de proxectos innovadores no eido das TIC en Galicia.
Xornadas formativas
En total serán 20 xornadas formativas, repartidas por toda a Comunidade galega e que se están a celebrar nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT). As xornadas comezaron en setembro e desenvolveranse en toda a Comunidade ata o 25 de outubro.
A duración de cada unha das xornadas é de catro horas en horario de catro a oito da tarde e estarán dirixidas por Enxeñeiros de Telecomunicación con gran experiencia neste campo e pertencentes ao COETG.
Nas clases explícanse as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas, dende a normativa vixente en materia de telecomunicacións ou ambiental, a aplicación do Código de boas prácticas e ordenanza tipo aprobada pola Comisión Sectorial para o Despregue de Infraestruturas de Radiocomunicación (CSDIR) ata aspectos relativos á seguridade e saúde así como as diferentes tecnoloxías dispoñibles na actualidade.
Cara a estandarización dos procedementos TIC nos 315 concellos galegos
A iniciativa xurdiu ademais coa vocación de que ao rematar as xornadas, a documentación xerada se converta nun manual de referencia para os concellos galegos. Un compendio documental que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, poñendo a disposición dos técnicos municipais a ampla bagaxe de coñecementos tecnolóxicos dos relatores pertencentes o COETG.
Ao final de cada curso, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia realizará entre os participantes unhas enquisas de satisfacción cunha análise dos resultados coas súas conclusións, coa finalidade de determinar a necesidade de desenvolver accións futuras no campo das TIC.