Santiago convertirase o vindeiro 18 de outubro na capital mundial do Software Libre
As instalacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica na Cidade da Cultura acollerán a vindeira semana a Libre Software World Conference 2012
O encontro está organizado pola Asociación de empresas galegas de software libre, AGASOL, co apoio da Federación Nacional de Empresas de Software Libre, ASOLIF, e da Xunta de Galicia
O director de proxectos en software libre de Google, o fundador do movemento Open Source ou o ideólogo do novo modelo económico "Economía do Ben Común” son algúns dos relatores que asistirán á LSWC2012
O foro no que se inscribiron máis de 400 persoas ten entre os seus obxectivos amosar o traballo, o coñecemento e a potencialidade dos distintos actores do Software Libre en Galicia
Os vindeiros 18 e 19 de outubro Santiago acollerá a III Libre Software World Conference (LSWC'12), que se celebrará nas instalacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na Cidade da Cultura (Amtega).
Este encontro internacional, organizado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL, co apoio da Federación Nacional de Empresas de Software Libre, ASOLIF, e da Xunta de Galicia, a través da Amtega, ten entre os seus obxectivos dar a coñecer casos de éxito baseados no software libre, dar conta das últimas novidades e establecer un marco para o encontro entre empresarios, usuarios e as propias administracións.
Son xa máis de 400 os inscritos no encontro que terán a oportunidade de coñecer experiencias, proxectos, avances, casos concretos, foros de discusión relacionados coas tecnoloxías do software libre pero tamén coa compoñente social e colaborativa do mesmo.
Ademais a LSWC'12 suporá tamén un punto de encontro e intercambio de coñecemento sobre novidades, iniciativas, e proxectos en software libre desenvolvidas a nivel internacional, grazas á participación de expertos e profesionais de distintos países. O evento será tamén unha potente ferramenta de comunicación para a difusión do software libre aplicado a ámbitos como a economía, a sociedade e as administracións.
Relatores internacionais
Entre o listado de relatores de referencia do software libre a nivel internacional que participarán no encontro están Bruce Perens, creador da definición de Open Source Definition e cofundador da Open Source Initiative (OSI); Chris DiBona, director de Open Source para Google, Mountain View; Christian Felber, especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiro; Júlio Cezar Neves, director do Servizo Federal de Procesamiento de Datos (Serpro) do Gobierno de Brasil; Fernando Botelho, Fundador de F123, grupo que deseña proxectos co obxectivo de reducir a pobreza e mellorar o acceso á tecnoloxía ou John Sullivan, director executivo da Free Software Foundation.
Ademais destas sesións plenarias impartidas por persoas de referencia e gran relevancia mundial o programa incorpora unha gran variedade de relatorios e mesas debate sobre temas e proxectos que abranguen diversos ámbitos e perspectivas das tecnoloxías libres distribuídas en tres liñas principais: Cidadanía, Empresas e Administracións Públicas.
Como novidade inclúese o Espazo Comunidade, foro no que será posible coñecer o que fan e como é posible participar nas Comunidades de Desenvolvedores asociadas ás Aplicacións liberadas pola Administración Pública en España. Aquí encontrarase aos dinamizadores e managers das comunidades como @firma, OpenDNIe, XBRL, PALS, Linex ou, Proyecto AMA de migración a Bases de Datos Libres, entre outros.
Toda a información sobre o congreso está dispoñible na web www.libresoftwareworldconference.com.