Santiago acollerá un curso sobre Peritaxes e Informática Forense
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), organiza os vindeiros días 10 e 11 de maio, e coa financiación da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, un curso sobre Peritaxes e Informática Forense. A acción formativa desenvolverase no Gran Hotel de Santiago de Compostela e será en horario de tarde o venres 10 (16:30 a 21:00 horas) e en horario de mañá o sábado 11 (9:00 a 14:00 horas).
O curso contará con importantes descontos na matrícula para estudantes, colexiados e precolexiados do CPETIG. Os descontos para os estudantes situaranse no 60% do importe da matrícula, mentres que para os colexiados, precolexiados e compromisos de colexiación do CPETIG a matrícula será gratis, xa que se lle descontará a mesma da cota de colexiación no segundo semestre do ano.
Os destinatarios deste ciclo formativo son os actuais e futuros estudantes de enxeñaría informática, así como os titulados en Enxeñería Técnica Informática. Con esta acción preténdese formar aos asistentes nas últimas técnicas de análise forense e práctica pericial, así como dar a coñecer a última normativa legal e mercantil relacionada co campo da pericia xudicial.
O curso ten unha duración de nove horas e media e forma parte da programación da Aula de Formación e Capacitación Profesional do CPETIG. Para o CPETIG é necesario crear e formar expertos que coñezan as últimas técnicas probatorias e o valor das mesmas, así como manter un elevado nivel de instrución e coñecementos sobre os avances técnicos e legais.
PROGRAMA
O curso inclúe dous módulos diferenciados en cada unha das dúas xornadas das que consta o ciclo. Na primeira xornada, da man do bufete especializado Pintos&Salgado abordarase a cuestión da normativa procesal pericial, así como da propia normativa relacionada coas pericias tecnolóxicas.
Na segunda xornada, os ponentes serán Andrés Villamarín, José Luis Rivas e Juan Luis Míguens. Andrés Villamarín é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, Máster en dirección de empresas e director en Villamarin Professional Group, e durante a sua ponencia abordará toda a parte relacionada coas obrigacións fiscais e mercantís que supón o desenvolvemento da profesión de perito informático.
José Luis Rivas, é responsable de sistemas en Hermes Sistemas e falará, durante a súa intervención da metodoloxía da análise forense e da elaboración dos informes periciais.
Pola súa banda, Juan Luis Miguéns é Secretario do CPETIG e membro do Corpo Oficial de Peritos (COP) e na súa intervención realizará unha presentación do COP e do seu funcionamento.
MATRICULACIÓN
O curso celebrarase no Gran Hotel Santiago (Avenida do Mestre Mateo, 27) en Santiago de Compostela. O número de prazas dispoñibles é de 50, adxudicándose por orde de inscrición.
O prezo ordinario da matrícula será de 200 € contando o ciclo con importantes descontos para estudantes e colexiados e precolexiados do CPETIG. Así, os estudantes de informática da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago e da de Vigo contarán con 60% de desconto, quedando o prezo da matrícula en 80€.
Pola súa banda, para os colexiados, precolexiados e os compromisos de colexiación no CPETIG o curso será gratis, xa que se lle descontarán da cota de colexiación no segundo semestre do ano o prezo da matrícula, que para os colexiados será de 50 € e para os precolexiados e compromisos de colexiación de 25€. A gratuidade do curso está condicionada a que segan conservando esa condición no segundo semestre.
Para formalizar a solicitude dunha praza no curso, senón estás colexiado, é necesario remitir a seguinte documentación:
Formulario para inscribirse no curso e que deberá ser remitido por e-mail a cursoperitaxes@cpetig.org co asunto INSCRICIÓN CURSO PERITAXES.O Formulario de inscrición poderedes atoparlo na web (http://www.cpetig.org)
Xustificante bancario do abono da matrícula.
No caso de ser beneficiario da matrícula reducida de estudante deberase enviar documento xustificativo da condición de estudante de Informática dunha das universidades (UDC, USC, UVIGO).
No caso de compromiso de colexiación ou precolexiación terán de tempo ata a o momento do comezo do curso para entregar a documentación de colexiación, que se detalla no apartado “Coléxiate!!”da web do Colexiohttp://www.cpetig.org. A compulsa da documentación poderá facerse por membros da XG no momento da entrega (lembrar levar orixinal e copia). De non facelo, pódeselle negar a entrada ao curso.
No caso de estar colexiado a matrícula realízase directamente na web do CPETIG.