Santiago acollerá o martes unha xornada sobre a migración ás novas direccións de internet

Sábado 02 de Abril de 2011

Santiago acollerá o martes unha xornada sobre a migración ás novas direccións de internet

Este ano se entregaron as últimas direccións IP dispoñibles no protocolo IPv4 e levarase a cabo a transición ao protocolo IPv6

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, inaugurará o vindeiro martes a Xornada “Preparando a Transición a IPv6, o Futuro de Internet”, organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). A xornada abordará o cambio de direccións IP en Internet, rexida ata agora polo protocolo IPv4 e que este ano irá sendo sustituido polo IPv6.

As direccións IP son as etiquetas numéricas que identifican os PCs, Tablets e dispositivos tecnolóxicos que se empregan para navegar por Internet. Ata febreiro deste ano estas direccións estaban reguladas polo protocolo IPv4. Unha vez esgotadas as direccións dispoñibles neste protocolo é preciso que operadoras, fabricantes, creadores de contidos, provedores de servizos e usuarios estean preparados para migrar ao protocolo IPv6.

Xornada teórica e práctica
Co obxectivo de informar a estes colectivos sobre a migración a IPv6 o Cesga organiza esta xornada con contido teórico e práctico na que intervirá Jordi Palet, membro da Task Force sobre IPv6 da Comisión Europea. Palet traballa desde hai anos no desenvolvemento, promoción e despregamento do protocolo IPv6.

A xornada que convoca o Cesga é teórica e práctica polo que os asistentes que teñan interese na segunda parte deberán levar o seu ordenador portátil con conexión wifi. Os interesados en participar na xornada, que é gratuíta, poden inscribirse na direcciónhttp://www.cesga.es/component/option,com_events/task,view_detail/agid,441/lang,gl/. A día de hoxe xa confirmaron a súa asistencia 150 persoas de diferentes perfiles, xestores de redes e servizos informáticos dependentes da administración, produtores de hardware, empresas de hosting de servizos en Internet, consultoras, empresas de creación de contidos en Internet, usuarios finais e alumnos universitarios e de ciclos superiores.

Día Mundial do IPv6
Con esta xornada Galicia prepárase para o Día Mundial do IPv6, que se celebrará o 8 de xuño. Este día Goolge, Facebook, Yahoo, Akamai e Limelight Networks, entre outros, ofrecerán os seus contidos sobre IPv6 co obxectivo de motivar ás organizacións a preparar os seus servizos para que o cambio de protocolo se faga sen problemas.

Cesga 
O Centro de Supercomputación de Galicia xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, que interconecta a totalidade de Centros de investigación públicos na Comunidade incluíndo entre outros aos 7 campus universitarios, centros do CSIC, IEO, Meteogalicia … Dende hai 5 anos esta infraestrutura de comunicacións está preparada para soportar IPv6.