Santiago acollerá o 20 de setembro a conferencia final do proxecto europeo sobre tecnoloxías da información aplicadas ao desenvolvemento turístico ‘I-Speed’ do que forma parte a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Turismo
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e mais o subdirector de Ordenación, Inspección e Planificación Turística, José Luís Maestro Castiñeiras, informaron hoxe sobre a celebración o día 20 deste mes da conferencia final dun proxecto no que a Xunta de Galicia traballa dende 2011
O I-Speed é un dos proxectos europeos que conta cun partenariado máis amplo dado que se compón de dez socios de nove países europeos e entre os resultados do proxecto, baseado na transferencia tecnolóxica entre os socios, figuran unha guía de boas prácticas, un informe de transferibilidade e un informe de recomendacións políticas, que se presentarán na conferencia final e estarán dispoñibles na web do proxecto www.ispeed.eu
A secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Carmen Pardo, e mais o subdirector de Ordenación, Inspección e Planificación Turística, José Luís Maestro Castiñeiras, informaron hoxe sobre a celebración o vindeiro día 20 de outubro dunha conferencia internacional que servirá como peche ao proxecto I-Speed, un traballo conxunto levado a cabo por un partenariado de dez socios procedentes de nove países europeos sobre as Políticas da Sociedade da Información para un Desenvolvemento Sostible Europeo.
O proxecto, do que forma parte Galicia a través da Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, xunto con socios de Italia –a cidade de Venecia é o xefe de fila-, Noruega, Polonia, Bulgaria, Creta, Gran Bretaña, Romanía e Francia comezou en 2010 e ten un orzamento global de 1.402.130 euros, dos que Galicia aportaría 152.564 a través da Secretaría Xeral para o Turismo, se ben, ao ser un proxecto cofinanciado ao 75% con fondos Feder, a Xunta aporta o 25% dese importe, en total 38.141 euros.
Segundo explicou a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, o obxectivo do I-Speed é “posibilitar ás autoridades locais e rexionais o desenvolvemento e mellora da efectividade das súas políticas e instrumentos para responder ao crecemento global da competencia a través dun uso eficiente dos servizos públicos baseados nas Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación para fomentar a competitividade e a sostibilidade da Economía do Turismo”.
Froito deste traballo realizado polos dez socios do proxecto, xurdiron tres actuacións fundamentais que serán presentadas na conferencia que o vindeiro día 20 se celebrará no compostelán Hostal dos Reis Católicos: unha guía de boas prácticas, un informe de transferibilidade e mais un informe de recomendacións políticas. Segundo explicou a secretaria xeral, os tres traballos estarán dispoñibles na web do proxecto –www.ispeed.eu- unha vez remate a conferencia de peche do mesmo. O encontro está organizado pola Secretaría Xeral para o Turismo, que aporta ademais ao proxecto outras actuacións como a súa experiencia na creación e posta en funcionamento da Central de Reservas de Turismo Rural de Galicia, a través de Turgalicia; ou a ferramenta Comparte Galicia, que a Xunta de Galicia transferiu do socio polaco do proxecto, que se presentará na devandita conferencia final.
Todas as persoas que estean interesadas en acudir á conferencia poden formalizar a súa inscrición no seguinte enderezo electrónico: proxectos.turismo@xunta.es ou ben a través da web do proxecto www.ispeed.eu. O aforo está limitado a 100 prazas.
O día anterior á celebración da conferencia terá lugar o Comité de Pilotaxe entre os socios do proxecto. Turismo de Galicia organizou tamén actividades paralelas con cargo ao proxecto durante a estadía dos socios en Santiago de Compostela para darlles a coñecer Galicia como destino turístico.
Está previsto que a xornada sexa inaugurada polo director xeral de Turespaña e que conte coa presenza dun representante da Comisión Europea responsable de Proxectos Europeos, así como dos representantes das rexións e países socios que explicarán a súa achega particular ao proxecto, así como que a clausura corra a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.