Sanidade presenta no Congreso Internacional de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias un traballo destinado a facilitar ferramentas aos decisorios sanitarios

Martes 08 de Xuño de 2010

Sanidade presenta no Congreso Internacional de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias un traballo destinado a facilitar ferramentas aos decisorios sanitarios

Esta xuntanza estase a celebrar en Dublín dende o pasado día 5

Maximizando o valor da Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias é o título do 7º Congreso Internacional sobre esta materia que se celebra en Dublín dende o pasado día 5. Este foro reúne aos profesionais que traballan dende todos os ámbitos en avaliación de tecnoloxías sanitarias, como poden ser as institucións académicas, os servizos sanitarios, as empresas, os gobernos e as axencias de avaliación.

Avalia-t, que é a Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia, organismo dependente da Consellería de Sanidade, participa activamente neste congreso iniciando a súa colaboracion cun taller, realizado en coordinación con Osteba, axencia do departamento Vasco de saúde. O traballo, que leva por título: “Pechando o loop do ciclo da vida das tecnoloxías sanitarias”, ten por tema central a desinversión no eido das tecnoloxías sanitarias.

O obxectivo desta iniciativa do departamento que dirixe Pilar Farjas é facilitar ferramentas aos decisores sanitarios que posibiliten ofertar unha mellor calidade asistencial, baseada na obtención de recursos a través da desinversión en tecnoloxías sanitarias obsoletas e a súa posterior reinversión.

Así mesmo, preséntanse outras catro comunicacións relacionadas cos proxectos que están a ser desenvolvidos pola axencia galega en áreas como a monitorización de tecnoloxías sanitarias unha vez incluídas na carteira de servizos, ou a ferramenta PritecTool, que é un software que permite a avaliación continua de tecnoloxías sanitarias.

Seguidamente, celebrarase a xuntanza da INAHTA, como punto de encontro a nivel internacional das direccións das axencias de avaliación de tecnoloxías sanitarias, en cuxo ámbito Avalia-t lidera o proxecto para a adaptación ao idioma español do glosario de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias da INAHTA-HTAi.