Sanidade pon en marcha unha aplicación multimedia na súa páxina web con xogos educativos para educación infantil e primaria destinados ao fomento da saúde bucodental

Xoves 08 de Decembro de 2011

Sanidade pon en marcha unha aplicación multimedia na súa páxina web con xogos educativos para educación infantil e primaria destinados ao fomento da saúde bucodental

No enderezo (http://sencarie.xunta.es), disponse de xogos educativos adaptados aos diferentes niveis de educación infantil e primaria, onde se repasan, dun xeito divertido e ameno, os principais conceptos que se deben coñecer en materia de saúde bucodental, no marco da educación dos nosos nenos e nenas

Os escolares galegos teñen unha saúde equiparable á dos escolares dos países europeos máis avanzados neste campo. Unha das principais razóns deste importante avance foi o incremento da educación para a saúde bucodental na escola. Cómpre sinalar, neste senso, que traballouse, principalmente, a prevención da carie dental, para o que durante case 20 anos se achegou flúor ás pezas dentais, coa promoción dunha dieta non carioxénica, e co fomento dunha hixiene oral efectiva e despois de cada comida. En todo este campo, a importancia da comunidade educativa foi, e continúa sendo, indiscutible.

Actividade

Ademais, creáronse unha rede de unidades de Saúde Bucodental en Atención Primaria para facilitar a accesibilidade a este servizo a toda a cidadanía, integradas por odontólogos e hixienistas dentais, onde, ademais de consultas preventivas individuais con tratamentos protectores, tamén se atalla a evolución da carie dental cando esta xa está presente, mediante o tratamento máis axeitado en cada caso. Así, durante os seis primeiros meses deste ano, os profesionais das unidades de saúde bucodental do Sergas, emprazadas nos centros de saúde, realizaron 27.542 selados de fisuras, 6.121 obturacións e 1.698 tartrectomias (limpezas con ultrasón).

En concreto, as prestacións existentes en Galicia están dirixidas á poboación infantil de idade pediátrica, entre 6 e 14 anos (ámbalas dúas idades incluídas), e tamén ás mulleres xestantes e ao colectivo de adultos en grupo de risco. Así, a actividade en adultos nas unidades de saúde bucodental do Sergas, nestes seis primeiros meses do ano, foi de 6.687 obturacións, 29.177 selados e 5.761 limpezas con ultrasón.

Na actualidade, a achega de flúor xa non é necesaria, pero segue a ser preciso continuar coa tarefa educativa das sucesivas xeracións, inculcándolles hábitos hixiénicos adecuados e minimizando o consumo de alimentos carioxénicos. Tamén se segue a mellorar e incrementar os coidados preventivos profesionais levados a cabo nos servizos de Atención Primaria.

Aplicación multimedia Sencarie

De todo o anterior, seguen a depender os actuais niveis de saúde bucodental na nosa Comunidade e a súa mellora de cara ao futuro. Por esta razón, a Consellería de Sanidade, en colaboración coa de Educación e Ordenación Universitaria, queren seguir contando co esforzo e colaboración da comunidade educativa galega, para o que a Xunta de Galicia pon a disposición unha aplicación multimedia denominada Sencarie (http://sencarie.xunta.es), con xogos educativos adaptados aos diferentes niveis de educación infantil e primaria, onde se repasan, dun xeito divertido e ameno, os principais conceptos que se deben coñecer en materia de saúde bucodental, no marco da educación dos nosos nenos e nenas, así como outras opcións multimedia.

Asimesmo, conta cun apartado “A boca e o seu coidado”, onde se facilita unha sinxela información sobre algúns temas claves relacionados coa saúde bucodental, que serven para actualizar os coñecementos dos docentes ou dos pais e poden ser utilizados como material de consulta dos escolares.