Sanidade desenvolve unha ferramenta para medir a actividade científica do Sergas e identificar as súas áreas fortes e débiles
A aplicación Sophos, presentada hoxe, permitirá crear un mapa de coñecemento de toda a organización, compartir o seu capital intelectual e sinalar expertos en eidos específicos.
A nova versión de Mergullador (Descubridor) posibilita buscar ao mesmo tempo en todos os recursos de Bibliosaúde a través dunha única consulta.
A Consellería de Sanidade vén de desenvolver unha ferramenta para medir a actividade científica de todo o Servizo Galego de Saúde. Esta aplicación, que leva por nome Sophos, permitirá a identificación de grupos de excelencia, o estudo da colaboración e a detección de áreas fortes e débiles no sistema investigador de ciencias da saúde de Galicia.
Este software -presentado hoxe e elaborado pola biblioteca virtual do sistema público de saúde de Galicia, Bibliosaúde- posibilitará coñecer as publicacións de cada profesional do Sergas, a actividade de cada hospital e servizo, as revistas nas que se publica, o factor de impacto e o seu cuartil. Polo tanto, Sophos permitirá crear un mapa de coñecemento de toda a organización, compartir o seu capital intelectual e identificar expertos en áreas específicas.
Isto resulta útil tanto para os investigadores como para os xestores sanitarios. Aos primeiros permítelles coñecer a calidade da súa actividade, en que revistas se expón e as redes de colaboración, e realizar unha autoavaliación co fin de amosar o nivel acadado e conseguir máis recursos. Pola súa banda, os xestores dispoñen dun instrumento para a planificación, o seguimento e a avaliación da investigación.
Sophos inclúe só aqueles artigos publicados e asinados por, polo menos, un autor vinculado a un centro de traballo da Consellería de Sanidade ou o Sergas. Entre os anos 2011-2014 incorporáronse máis de 3.800 autores do Sergas e máis de 6.100 artigos.
Para a localización dos artigos publicados efectúanse buscas nas principais bases de datos, tanto internacionais como nacionais (Medline/PubMed, Wos, Scopus, Embase, Cinahl, Ibecs, Medes e Fundación Index). Unha vez localizados os artigos, o persoal técnico de Bibliosaúde leva a cabo a validación dos rexistros individualmente.
Nova versión do buscador Mergullador
Hoxe tamén se presentou na Consellería de Sanidade a nova versión da plataforma de acceso aos recursos electrónicos de Bibliosaúde, Mergullador (Descubridor), que permite buscar ao mesmo tempo en todos os recursos desta biblioteca virtual -gratuítos e de subscrición- a través dunha única consulta, seguindo o modelo de Google.
A nova versión de Mergullador -que ten máis de 15.000 usuarios rexistrados- moderniza e mellora o acceso e a busca de información, reunindo nunha sola ferramenta múltiples recursos de información. Así, pásase dunha tecnoloxía de metabúsquedas en tempo real (o que provoca un tempo de resposta maior) a un sistema de indexación.
A través dela, os profesionais do Sergas poden acceder dunha maneira máis sinxela aos recursos de información científica nacionais e internacionais. Neste sentido, contén unha colección central que inclúe unha serie de recursos gratuítos e de subscrición accesibles para os usuarios de Bibliosaúde, máis de 6.000 revistas electrónicas, máis de 900 libros electrónicos e publicacións do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Esta nova ferramenta participa na Plataforma de Xestión do Coñecemento do Sistema Nacional de Saúde, un proxecto do Ministerio de Sanidade para ofrecer un punto de acceso único á información científica sanitaria.
Ademais, dá acceso aos servizos da Biblioteca ao integrar o acceso ao texto completo de revistas, libros e outros documentos; a solicitude de artigos de revistas; a consulta do catálogo de Bibliosaúde -con máis de 45.000 libros dispoñibles na rede de bibliotecas do Sergas-; contacto coa biblioteca; e información sobre o factor de impacto das revistas e sobre dereitos de copyright.