Sae publicado o anuncio de licitación para a dixitalización do Diario Oficial de Galicia que suporá a súa desaparición en papel

Xoves 10 de Marzo de 2011

Sae publicado o anuncio de licitación para a dixitalización do Diario Oficial de Galicia que suporá a súa desaparición en papel

As empresas poderán presentar as súas propostas ata o 28 de marzo

O importe da licitación é de 684.000 euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar na súa edición de hoxe o anuncio de licitación para a contratación do servizo consistente na realización de traballos para a edición electrónica do DOG mediante procedemento aberto, baseado en multicriterios e tramitación ordinaria. A posta en funcionamento da edición dixital do DOG será en abril de 2011.

As empresas poderán presentar as ofertas ata o vindeiro 28 de marzo ás 14.00 horas, e contarán cun orzamento de licitación de 684.000 euros. A dixitalización do DOG repórtalle ás arcas da comunidade un aforro en torno ao medio millón de euros respecto ao ano pasado, e de 1 millón e 1,2 millóns en relación aos anos 2009 e 2008, respectivamente.

Coa creación do DOG electrónico garantirase un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso a través da Rede, sen límites temporais nin territoriais; que suporá a simplificación dos procesos de produción, a redución dos tempos de edición e a racionalización do seu gasto, ao suprimir os custos superfluos.

Os servizos obxecto do concurso, que requiren un alto grado de especialización, resúmense nas fases de corrección, composición e maquetación, sinatura e, finalmente, novo cotexo galego-castelán antes da súa publicación na Web.

Durante o ano 2010, de acordo cos criterios de austeridade e economía que deben inspirar as actuacións das administracións públicas, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas iniciou o camiño para avanzar na progresiva dixitalización do DOG co obxecto de acadar unha administración máis moderna e reducir o gasto público.

Así, a modificación do contrato permitiu adecuar a prestación do servizo á demanda real de número de exemplares e ao custo derivado da tirada; conseguíndose xa en 2010 un aforro de 700.000 euros respecto ao ano 2008. Ademais, tamén se avanzou na adaptación tecnolóxica dos sistemas existentes para adecualos á certificación do DOG e dotando ao novo Diario de validez xurídica.