Rueda inaugura por videoconferencia cos alcaldes de Santiago, Bande e Barreiros as aulas Cemit destes concellos

Luns 26 de Setembro de 2011

Rueda inaugura por videoconferencia cos alcaldes de Santiago, Bande e Barreiros as aulas Cemit destes concellos

A Xunta pretende que cada cidadán galego teña unha aula CeMIT a menos de trinta minutos da súa residencia

En total son 98 aulas en 92 concellos de Galicia, que durante o 2011 formarán a máis de 12.000 galegos no ámbito das novas tecnoloxías

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe pola maña as aulas CeMIT dos concellos de Santiago, Bande e Barreiros, a través dunha videoconferencia cos alcaldes destes tres municipios, Gerardo Conde Roa, José Antonio Armada e Alfonso Fuente Parga. No acto tamén estiveron presentes os delegados territoriais da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e Lugo, Raquel Arias, así como o secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, e a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira.

O conselleiro da Presidencia destacou que a Xunta segue coa súa aposta por integrar as novas tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade, sendo a posta en marcha destas aulas un exemplo máis de cómo se está poñendo a disposición dos cidadáns as novas tecnoloxías.

Rueda manifestou que, debido á dispersión poboacional e aos problemas de comunicación que ten a comunidade galega, é de vital a importancia a posta en marcha destas aulas, nas que os galegos poden ter acceso gratuíto á formación no ámbito das novas tecnoloxías. Así mesmo, referiuse tamén á posta en marcha do Plan de Banda Larga, que ten coma obxectivo que todos os galegos teñan conexión a Internet no 2013.

Outra das medidas na mesma liña é a posta en marcha o pasado venres da sede electrónica da Xunta, na que se aspira que no mesmo 2013, todos os galegos que xa disporán de internet de calidade, poidan tramitar dende o seu ordenador a práctica totalidade dos seus procedementos administrativos coa Xunta de Galicia, avanzando en axilidade burocrática e comodidade para os cidadáns, que poderán acceder á Administración dende o seu domicilio 24 horas ao día e 365 días ao ano.

As aulas CeMIT absorben todas estas iniciativas da Xunta, transformándoas nunha rede planificada e global que da servizo a toda a poboación galega. En cumprimento dese plan, estase a conseguir que todos os galegos teñan un centro CeMIT a menos de trinta minutos da súa residencia. Trátase de 98 aulas en 92 concellos de Galicia nas que durante o 2011 se formarán máis de 12.000 galegos, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, pero ofrecendo tamén formación especializada aos profesionais TIC e información específica para pemes e micropemes.