Rueda destaca que todas as consellerías da Xunta están implicadas na mellora do capital humano de Galicia
Expón as principais liñas e programas para poñer en valor as capacidades educativas, produtivas e laborais dos galegos
Salienta o compromiso da Xunta coa capacitación dos recursos humanos, a mellor garantía para encarar o futuro
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou hoxe no Parlamento que todas as consellerías da Xunta están implicadas na mellora do capital humano de Galicia e explicou que as principais liñas de acción nesta materia pasan pola posta en valor das capacidades educativas, produtivas e laborais dos galegos.
Nese sentido, Rueda salientou o compromiso do Goberno autonómico coa capacitación dos recursos humanos, aos que cualificou como a mellor garantía para encarar o futuro con optimismo. O conselleiro centrou a súa intervención en cinco ámbitos estratéxicos nos que traballa a Xunta: o rendemento educativo, a I+D+i, a modernización e capacitación na Administración, as políticas de formación de emprego e a igualdade de oportunidades.
No relativo ao primeiro destes ámbitos estratéxicos, Rueda subliñou a aposta do Goberno pola competitividade educativa, que exemplificou a través de tres proxectos: o plurilingüismo, a Lei de convivencia educativa e o proxecto Abalar, que está a levar as novas tecnoloxías a máis de 31.000 alumnos galegos. A estes proxectos o conselleiro sumou o apoio da Xunta á investigación universitaria e o impulso que se lle está a dar á Formación Profesional, entendida como un foco estratéxico indiscutible de loita contra a crise.
En canto ao eixe da I+D+i e a Sociedade do Coñecemento, o titular de Presidencia explicou que o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 ten por obxectivo integrar a Galicia nun sistema de innovación competitivo e de calidade e que só neste ano 2011 investirá preto de 200 millóns de euros nesta materia. Ademais, Rueda referiuse á Axencia Galega de Innovación que a Xunta vai poñer proximamente en marcha e que permitirá unificar todas as competencias e recursos en materia de innovación e investigación nun modelo de xestión áxil, autónomo e con demostrada eficiencia.
O conselleiro tamén se referiu a aposta do Goberno galego pola redución de cargas administrativas e a e-Administración, así como a busca dunha función pública máis preparada que redundará na mellora da produtividade dos empregados públicos. Nese sentido, destacou o esforzo realizado pola Escola Galega de Administración Pública que desde o 2009 incrementou nun 84% as súas prazas e que cada ano reforza o seu plan de estudos impulsando as TICs, a teleformación e a formación en galego e linguas estranxeiras.
Doutra banda, Rueda expresou que unha dos principais obxectivos da Xunta é a loita contra o paro, especialmente na xuventude, polo que desde o Goberno se está a apostar pola implicación dos axentes sociais no marco do diálogo social e polo investimento en políticas de emprego, que nos dous anos anteriores supuxeron 384 millóns de euros, a maior parte destinados a cursos formativos para desempregados.
Por último, o conselleiro abordou o asunto da igualdade de oportunidades e destacou que o Executivo autonómico dirixe 6 de cada 10 euros investidos en emprego ás mulleres, poñendo en marcha proxectos como a Unidade Muller e Ciencia ou o Programa ‘Executivas’, que na súa primeira edición formou a 200 mulleres para facilitar o seu acceso a postos directivos. Do mesmo xeito, referiuse a atención doutros colectivos con dificultades e destacou a creación o ano pasado do Fondo de Capital Risco Xes-Posibilita, dotado de 1,6 millóns de euros para apoiar á vocación empresarial de emprendedores con discapacidade.