Rueda destaca que o Plan Senda 2014 establece por primeira vez unha folla de ruta para a implantación das TIC na Xustiza

Luns 14 de Xuño de 2010

Rueda destaca que o Plan Senda 2014 establece por primeira vez unha folla de ruta para a implantación das TIC na Xustiza

O conselleiro salienta a importancia da implicación dos profesionais da Xustiza para o desenvolvemento do programa. O plan conta cunha dotación de 34 millóns de euros e será fundamental para garantir a eficacia da Nova Oficina Xudicial.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia do Plan Senda 2014, que foi dado a coñecer ao Consello da Xunta a pasada semana e que por vez primeira establece unha auténtica folla de ruta para integrar as Tecnoloxías da Información e da Comunicación no ámbito xudicial.

Na inauguración das xornadas ‘As TIC ante o reto da modernización da Xustiza’, Rueda recordou que a Xunta xa puxo en marcha un plan de medidas urxentes nesta materia para os anos 2009 e 2010, que agora ten continuidade neste Plan de Sistemas TIC da Xustiza, coñecido como Senda 2014, que conta cunha dotación orzamentaria de 34 millóns de euros e que reflexa a aposta da Xunta por integrar as TIC na Xustiza máis aló de actuacións puntuais, mediante accións sostidas no tempo e que teñan prevista a interoperabilidade entre sistemas de información de distintos organismos.

O titular de Presidencia destacou nese senso que para acometer con éxito unha tarefa tan complexa é imprescindible a colaboración entre institucións, do mesmo xeito que citou como outro dos elementos fundamentais a implicación do persoal ao servizo da Administración de Xustiza. Por iso, o plan prevé servizos de atención e formación ao colectivo xudicial.

Nesa liña de colaboración con todo o sector implicado, o conselleiro recordou que a Xunta tivo en conta a opinión dos profesionais que traballan no ámbito xudicial e ao longo do último ano mantivo contactos con decenas de profesionais: membros da xudicatura e a fiscalía, avogados e procuradores, secretarios xudiciais e representantes sindicais, entre outros.

Por último, o conselleiro subliñou que o Plan Senda 2014 permitirá incorporar e aproveitar o poder transformador das novas tecnoloxías para mellorar na Administración de Xustiza o tempo de resposta, a calidade da resposta e a transparencia dos procesos. Ademais, amosouse convencido de que será fundamental para acadar a maior eficacia na implantación da Nova Oficina Xudicial.

Xornadas TIC
O plan Senda 2014 será presentado hoxe no marco das xornadas ‘As TIC ante o reto da modernización da Xustiza’, nas que se analizarán en dúas mesas redondas as posibilidades de mellora que ofrecen as novas tecnoloxías na xustiza. Baixo o título ‘A Cooperación Institucional para acadar a interoperabilidade’, intervirán na primeira mesa o director xeral de Modernización da Administración de Xustiza do Ministerio de Xustiza, José de la Mata; o vocal para Galicia do Consello Xeral do Poder Xudicial, José Manuel Almenar; e a subidirectora xeral de Sistemas da Información e Modernización da Xunta, María José García Sexto, que explicará o contido e as accións do Plan Senda 2104. A mesa estará moderada polo director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín.

A segunda mesa, moderada pola secretaria Xeral de Modernización, Mar Pereira, abordará o tema ‘As TIC na Xustiza, unha oportunidade’, e nela exporán a súa experiencia e expectativas ao respecto o xuíz decano dos Xulgados de Vigo, Germán Serrano; o fiscal xefe da Audiencia Provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; o secretario coordinador de Pontevedra, Eduardo Sánchez Tato; e o funcionario do Xulgado do Contencioso- Administrativo nº 2 da Coruña Roberto Rocha.

A xornada está dirixida ao persoal da Administración de xustiza, colexios profesionais e empresas do sector das tecnoloxías da información e a comunicación especializadas nos aplicativos do ámbito xudicial.