Rueda destaca que a boa política da Xunta en medios electrónicos ofrece mellores solucións e servizos aos galegos

Luns 11 de Abril de 2011

Rueda destaca que a boa política da Xunta en medios electrónicos ofrece mellores solucións e servizos aos galegos

O conselleiro de Presidencia presentou esta mañá un libro sobre o recente Decreto da Administración Electrónica do Goberno galego

Rueda destacou que esta nova regulación simplifica os procedementos, axuda a reactivar a actividade económica e responde a unha esixencia da sociedade

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, presentou esta mañá o Libro da Administración Electrónica da Xunta de Galicia, onde destacou que a boa política do Goberno galego en materia de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs) ofrece mellores solucións e servizos por medios electrónicos aos galegos.

Neste sentido, Rueda afirmou que co novo Decreto da Administración Electrónica, aprobado recentemente pola Xunta, a relación electrónica dos cidadáns coa administración deixa de ser unha posibilidade e convértese nun dereito. Así mesmo, para o Goberno galego a posta en marcha de medios para esta relación deixa de ser unha opción e pasa a ser un deber.

Segundo o conselleiro, as liñas mestras desta nova normativa consisten en acadar unhas administracións e un tecido produtivo que actúen e maximicen as súas posibilidades a través das novas tecnoloxías; unha cidadanía capacitada para sacarlles o máximo rendemento e unha infraestrutura tecnolóxica que llo permita en condicións de calidade.

A través deste decreto garántese aos galegos a posibilidade de tramitar os procedementos a través dunha sede electrónica e para asegurar a plena validez e seguridade xurídica destes regula os sistemas de sinatura electrónica e de verificación de autenticidade.

Simplificación dos procedementos 
Ademais, o decreto redunda, entre outras cousas, nunha simplificación dos procedementos e evita, por exemplo, a necesidade de volver a entregar documentación xa en poder da Xunta ou outra administración. Permitirase ao cidadán ter en todo momento ao seu dispor un cartafol electrónico no que revisar sempre que queiran o estado de tramitación do procedemento que teñan aberto e o acceso ao Rexistro Electrónico reducirá papeleo e burocracia e mellorará o servizo.

Doutra banda, as TIC serán un medio tamén para reactivar a actividade económica, evitando gastos burocráticos ás empresas. Por este motivo, puxéronse tamén en marcha as plataformas dixitais que permiten a contratación, licitación e facturación electrónicas, simplificando a relación da Xunta cos seus provedores, axilizando os procesos e os pagos e aforrando custes aos contribuíntes.

Ademais destas clara vantaxes, o dominio e o uso das TICs responden tamén a unha esixencia da sociedade. De aí que o Goberno galego estea a avanzar no proxecto ABALAR nas escolas, conseguindo que os nenos e nenas de Galicia crezan xa nun entorno totalmente dixitalizado; e despregando a Rede CeMIT de aulas municipais para a alfabetización dixital. Estas actuacións complétanse co Plan de Banda Larga que, a finais de 2011 permitirá ao 83% dos galegos ter un acceso de calidade a internet.

Plan de Modernización da Administración autonómica
Pola súa banda, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou que coa aprobación desta normativa o Goberno galego formaliza o compromiso de implantar progresivamente o uso dos medios electrónicos nas comunicacións, trámites e prestacións de servizos cos cidadáns. Este compromiso, indicou, establece o marco temporal de un ano dende a aprobación do decreto para o desenvolvemento das normas técnicas precisas, a posta en marcha do DOG electrónico, a sede electrónica e o rexistro electrónico; e tres anos como horizonte temporal para ter completada a implantación da administración electrónica.

Mar Pereira lembrou que a aprobación deste decreto enmárcase no Plan de Modernización no que está a inmersa a Administración autonómica para garantir aos cidadáns a posibilidade de relacionarse telemáticamente coas administracións públicas con todas as garantías, aforrando custes e tempo independentemente do lugar onde vivan e do nivel administrativo desde o que inicien a tramitación. Trátase de conseguir unha administración aberta aos cidadáns as 24 horas os 365 días do ano.

Ademais do conselleiro de Presidencia e da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, no acto tamén estiveron presentes o presidente do Colexio de Enxeñería Informática de Galicia, Fernando Suárez; o director do libro, Rafael Millán Calenti; e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Carlos Fernández.