Rueda destaca a aposta da Xunta polo emprego das novas tecnoloxías nos concellos do rural galego

Sábado 24 de Setembro de 2011

Rueda destaca a aposta da Xunta polo emprego das novas tecnoloxías nos concellos do rural galego

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza inaugurou hoxe o Centro Telemático de Crecente

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda resaltou hoxe na inauguración do novo centro telemático do concello de Crecente a aposta da Xunta pola extensión das novas tecnoloxías por todo o territorio galego, especialmente no ámbito rural.

Rueda destacou que dende o goberno galego se está a investir para estender redes de centros, como o que hoxe se inaugura, e a cobertura de banda ancha para garantir o acceso de Internet a todas os cidadáns.

Segundo palabras do conselleiro da Presidencia, imos avanzando cara unha “Galicia Global”, unha Galicia Única na que todos os galegos reciben un trato equitativo por parte do seu goberno, polo que para acadar esa Galicia Única necesitamos dar un forte impulso ao rural.

Ademais, a Xunta está traballando para facer posible en maior medida que trámites que os cidadáns teñan que facer coa administración autonómica teñan como lugar a rede, de maneira que se está a incrementar a axilidade, a comodidade, a homoxeneidade e a igualdade de todos os galegos, que terán as mesmas facilidades de acceso á Xunta, vivan nas cidades ou no rural.

Na súa intervención, Alfonso Rueda destacou que o actual goberno galego está plenamente convencido de que para facernos notar en Europa e necesario unir forzas cas rexións veciñas, polo que a Xunta forma parte da Macrorrexión europea que se está a consolidar xunto á Rexión Norte de Portugal e á comunidade autónoma de Castela e León.

Ademais, tamén plantexou a necesidade da unión e asociación dos pequenos municipios do territorio galego, e resaltou coma fundamental a colaboración entre concellos. Rueda destacou que o goberno galego está convencido de que o modelo cara o que se debe dirixir Galicia é o dos servizos compartidos entre Concellos e por iso está comprometido a dar prioridade a aqueles proxectos presentados en colaboración por varios municipios, proxectos que saquen o maior rendemento posible aos fondos públicos e que así permitan un servizo menos custoso e máis eficiente.