Rosa Quintana preside a entrega de premios ao éxito empresarial na que se recoñece o labor de catro empresas galegas do sector agroalimentario
A conselleira do Medio Rural e do Mar recoñeceu o tesón, experiencia e afán de superación das diferentes empresas e institucións galegas premiadas
Entre os galardoados nesta cita está a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que recibiu o premio á Mellor Iniciativa Pública da Comunidade polo Plan de Banda Larga da Xunta
Tamén hai empresas dedicadas ao sector da moda e das telecomunicacións
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe en Santiago a entrega dos Premios ao éxito empresarial, que concede a revista Actualidad Económica. Durante a súa intervención neste acto, organizado por Unidad Editorial, a conselleira recoñeceu o éxito das diferentes empresas e institucións galegas premiadas, entre elas 4 da industria agroalimentaria. Todas elas, indicou a conselleira, destacan polo seu tesón, experiencia e afán de superación.
Entre os galardoados nesta cita tamén está a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que recibiu o premio á Mellor Iniciativa Pública da Comunidade polo Plan de Banda Larga da Xunta. Deste xeito, Actualidad Económica destaca o esforzo da Administración autonómica para acadar unha Galicia conectada. Ademais tamén recoñeceu á Universidade de Vigo co premio á innovación.
Entre as compañías da industria agroalimentaria un dos galardóns, sinalou a conselleira, recoñece de xeito personalizado ao mellor empresario e este recaeu no presidente do Grupo Botas e Fandicosta, Ángel Martínez Varela. Tamén se recoñece a Martín Codax pola súa estratexia internacional, o que representa “un claro expoñente do inmenso esforzo realizado pola industria vitivinícola galega nos últimos anos e que levou a un notable crecemento das exportacións dos nosos viños”, destacou Rosa Quintana.
Por outra banda, o premio revelación recaeu en Quescrem, a primeira láctea galega cualificada como empresa de base tecnolóxica e que a conselleira definiu na súa intervención como “un bo exemplo da aplicación da investigación científica e tecnolóxica á industria alimentaria, partindo de produtos naturais de primeira calidade”. Ademais o premio á Creación de Emprego foi para Hijos de Rivera “unha empresa que, con máis dun século de historia, soubo adaptarse aos novos tempos e, nos últimos anos, aos mercados fóra da nosa Comunidade”, subliñou Rosa Quintana.
Entre os premiados tamén está Televés, que mereceu o galardón á mellor traxectoria empresarial “dado o bo facer da compañía, que a levou a ter presenza comercial en case cen países” e Inditex, que se fixo co premio á mellor iniciativa empresarial xa que, como explicou a titular de Medio Rural e Mar, “a súa expansión a converteu nunha das mellores embaixadoras de Galicia e de España do sector da moda”.
Rosa Quintana subliñou que o recoñecemento de Actualidad Económica a firmas dos sectores da alimentación, a moda, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación “contribúe a despexar grandes dúbidas derivadas da situación económica que atravesamos”. Neste sentido felicitou as empresas premiadas por ser un exemplo a seguir nas súas respectivas áreas económicas. Ademais sinalou que estes sectores experimentaron un notable crecemento no comercio exterior e animou aos presentes “a intensificar esas prácticas exportadoras”.