Román Rodríguez subliña a importancia de exercer a comunicación dixital dun xeito responsable e educado

Venres 30 de Setembro de 2016

Román Rodríguez subliña a importancia de exercer a comunicación dixital dun xeito responsable e educado

O conselleiro de Cultura en funcións participou na presentación de “NETiqueta”, unha obra sobre a adaptación da comunicación tradicional á contorna dixital

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación de “NETiqueta. Comunicación en Contornos Digitales”, unha obra de Nova Galicia Edicións cuxa autora, Mar Castro, afonda nas claves para adaptar a comunicación tradicional á nova contorna dixital sempre respectando os bos usos e modais co obxectivo de mellorar a reputación dixital.

Román Rodríguez salientou que, nun mundo no que as novas formas de comunicarse “chegaron para quedarse”, é imprescindible coñecer as regras e os hábitos que garantan unha comunicación axeitada e unha conduta responsable no eido dixital. “Educarnos no exercicio e os límites á hora de comunicarnos, formarnos para presentarnos e dar a coñecer o noso traballo dun xeito cortés e eficaz, son aspectos moi importantes e útiles que cómpre coñecer e manexar no mundo de hoxe”, abondou. O conselleiro de Cultura en funcións tamén se referiu ao “carácter estratéxico” do libro galego tanto no ámbito económico coma no identitario e no social.

O libro “NETiqueta” constitúe unha guía sobre as regras de xogo da comunicación nas contornas dixitais nun mundo globalizado. A lucense Mar Castro, experta en protocolo e relacións sociais, pon os seus coñecementos ao servizo da socialización das persoas a través de Internet e afonda en aspectos sobre como aplicar as convencións establecidas e aceptadas polos que navegan pola Rede, facilitando a convivencia, ou sobre que pautas empregar para un uso eficiente das redes sociais.

No acto tamén participaron a autora, Mar Castro; e o editor e director de Nova Galicia Edicións, Carlos del Pulgar.