Rogelio Martínez subliña que máis do 80 por cento dos veciños da comarca de Allariz-Maceda contan xa con acceso de calidade á internet grazas ao plan de banda larga
Segundo indicou o delegado territorial, no caso de concellos como o de Baños de Molgas as actuacións da Axencia de Modernización e Innovación Tecnolóxica permitiron en apenas dous anos dobrar a poboación con cobertura á Internet
No ano 2013 prevese que mediante o despregamento de distintas redes a totalidade dos habitantes da comarca teñan acceso á banda larga de calidade
O delegado territorial visitou esta mañá o Roadshow Movistar Galicia, que percorrerá media ducia de municipios da provincia ourensá
O Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou hoxe en Baños de Molgas o Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego.
O máximo representante do Goberno galego na provincia destacou a importancia de informar aos cidadáns dos avances na súa localidade do Plan de Banda Larga, impulsado desde a Axencia de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e de fomentar o uso de Internet, “divulgando as vantaxes que proporciona no día a día tanto para os propios veciños como para as empresas”. “O acceso á banda larga de calidade permite aos galegos extraer o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade e innovación nos diferentes sectores produtivos”, apuntou Martínez.
No caso de Baños de Molgas, indicou o delegado territorial, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a máis 1.300 veciños que carecían de conexión a Internet, o que supón o 80 % da poboación do municipio. Hai dous anos a cifra apenas chegaba ao 40% e as previsións do departamento autonómico é que esta se incremente á práctica totalidade da poboación a finais de 2013. A porcentaxe restante cubrirase vía satélite.
No Roadshow Movistar Galicia os veciños da localidade poderán aprender a través de distintas demostracións como levar a cabo unha compra online, solicitar unha cita médica, facer uso da sede electrónica da Xunta realizar trámites coa Administración ou consultar todo tipo de información dispoñible na rede. A aprendizaxe realízase de maneira gratuíta a través dos 18 postos con ordenador cos que conta a aula móbil e está guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.
O obxectivo desta actuación do Plan, adxudicada a Telefónica en setembro pasado, é dotar de acceso á rede a máis de 11.300 núcleos do rural galego de aquí a 2013, beneficiando preto de 250.000 persoas. Para o seu despregamento, Telefónica utiliza a tecnoloxía 3 G-UMTS na banda de 9MHz, con gran capacidade de propagación en zonas cunha orografía complexa e capaz de alcanzar velocidades de ata 7 megas.
O autobús do Roadshow Movistar Galicia chegou a Baños de Molgas despois de percorrer outros municipios da provincia, como Boborás, Amoeiro ou Bande, nos vindeiros días estará en Muíños e Lobeira.