Rogelio Martínez presenta a décima edición do Concurso de proxectos tecnolóxicos
O concurso de proxectos tecnolóxicos está patrocinado pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria
O delegado territorial asegurou que “desde o Goberno Galego debemos promover aquelas iniciativas que conecten ó mundo empresarial coa Universidade e viceversa”
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado de presentar a décima edición do Concurso de proxectos tecnolóxicos, patrocinado pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria.
O concurso ten como finalidade sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ó seu proceso de produción axudando a facela máis competitiva.
Na súa intervención, Rogelio Martínez, asegurou que “aínda que cada vez son máis as empresas que contan cun departamento de I+D+i, non podemos esquecer que unha boa parte das investigacións realizadas en Galicia xorden na Universidade. Somos conscientes de que os estudantes forman parte do potencial investigador e innovador de Galicia que sen dúbida repercutirá positivamente no desenvolvemento económico e no benestar social da nosa comunidade”.
Destacou ademais que “un sistema de I+D+i consolidado é aquel onde o sector empresarial asume o papel de liderado no esforzo investigador e son as empresas as que converten os activos do coñecemento, neste caso os estudantes das universidades galegas, en innovación e crecemento económico. Por iso dende o Goberno Galego debemos promover aquelas iniciativas que conecten ó mundo empresarial coa Universidade e viceversa”.
Neste concurso teñen cabida todos aqueles traballos onde prime unha clara aplicación empresarial.
Martínez felicitou á Escola Superior de Informática do Campus de Ourense e a Expourense pola organización dunha nova edición deste concurso e animou ás empresas a botar man da Universidade “porque un dos camiños a seguir para saír da actual situación económica é o I+D+i”, dixo.