Rogelio Martínez participou na presentación da páxina web entretiendas.com do Centro Comercial Aberto

Mércores 19 de Xaneiro de 2011

Rogelio Martínez participou na presentación da páxina web entretiendas.com do Centro Comercial Aberto

O goberno galego financiou este proxecto a través do IMIT ( iniciativas de modernización e innovación tecnolóxica)

O Delegado Territorial asegurou, na súa intervención, que grazas a esta nova páxina web gañan os comerciantes porque se mellora a competitividade dos seus comercios e gañan os usuarios porque teñen acceso a produtos de calidade doutras temporadas a prezos moi ventaxosos

O Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou, esta mañá, na presentación da páxina web, entretiendas.com, posta en marcha polo centro comercial aberto de Ourense.

Entretiendas.com é unha canle de venda on-line para produtos doutras tempadas a prezos moi ventaxosos para o cliente de ata un 70% de desconto. Na actualidade máis de 250 establecementos ourensáns de diferentes sectores empresariais, están asociados a Ourense Centro e grazas a este novo portal atopan unha nova canle de distribución no que se conxuga a tradición e a innovación solucionando a acumulación de excedentes nos almacéns.

Martínez, na súa intervención, amosou o compromiso do goberno galego con este proxecto, de feito, o financiamento do proxecto correu a cargo do IMIT ( iniciativas de modernización e innovación tecnolóxica).

“Sen dúbida este é un proxecto moi interesante e estou seguro que acadará os éxitos que merece. O comercio tradicional ten que renovarse e ser competitivo e as novas tecnoloxías son fundamentais para consegui-lo. Grazas a esta nova páxina web gañan os comerciantes porque se mellora a competitividade dos seus comercios e gañan os usuarios porque teñen acceso a produtos de calidade doutras temporadas a prezos moi ventaxosos”, asegurou o Delegado Territorial.

Martínez referiuse ademais a nova lei do comercio recentemente aprobada. “Nesta nova lei, na que a revitalización do comercio urbano ten un papel fundamental, recoñécese as figuras dos centros comerciais abertos como unha alternativa de atención personalizada e de proximidade aos consumidores, e como sistema de dinamización dos cascos urbanos das nosas vilas e cidades”, sinalou o Delegado Territorial. A normativa contempla tamén a definición dos outlets ou centros de fabricantes, establece unha normativa clara e actualizada en canto ás promocións, ao tempo que se regulariza a situación das feiras de oportunidades, en resposta ás demandas do sector.

Durante a súa intervención, Rogelio Martínez, explicou que a nova lei permite deseñar “novas liñas de actuacións que contribúen á modernización e ao desenvolvemento integral do sector comercial en Galicia, fomentando a incorporación da innovación e das novas tecnoloxías, mellorando a capacitación profesional e incrementando a competitividade do comercio galego”.

Neste sentido, Martínez lembrou que a Consellería de Economía e Industria destinou 3,33 millóns de euros á dinamización de Centros Comerciais Abertos das catro provincias galegas, a través das liñas de axuda específicas enmarcadas dentro do Plan Ágora – Agora re-Comercia, dotado con case 130 millóns de euros.