Rogelio Martínez inaugura en Ourense a exposición interactiva 'Galiciadixital', organizada pola Secretaría Xeral de Medios

Venres 10 de Decembro de 2010

Rogelio Martínez inaugura en Ourense a exposición interactiva 'Galiciadixital', organizada pola Secretaría Xeral de Medios

A exposición Galiciadixital itinerante propón en Ourense unha nova viaxe interactiva pola comunidade e arredor dos 25 anos de vida da CRTVG

O delegado territorial amosa a súa satisfacción de que a exposición recalase en Ourense e nun centro de persoas con discapacidade

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, inaugurou esta mañá a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, que poderá visitarse en ASPANAS.

Durante o acto de inauguración, Martínez lembrou que todos os contidos que se exhiben na mostra están feitos por empresas e universidades galegas e amosou a súa satisfacción porque esta mostra recalase nun centro de persoas con discapacidade, en ASPANAS.

Pola súa banda, o Director de Comunicación da CRTVG, Fernando Ojea, manifestou o orgullo da entidade por celebrar os seus primeiros 25 anos e amosouse “enormemente satisfeito de facelo no escaparate privilexiado da exposición Galicia Dixital da Secretaría Xeral de Medios”.

Galiciadixital inclúe os seus contidos habituais como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, no que poderán descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador”. Tamén poderán xogar co canciño “Axóuxere” ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día, grazas ao tiraboleiro virtual.

Ademais, os visitantes poderán somerxerse nun mundo virtual a través de proxeccións en tres dimensións como “As cidades do camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada un dos usuarios poderá realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago.

Entre os últimos contidos incorporados á exposición destaca a película en catro dimensións “Meta do Camiño”. Trátase dunha curtametraxe en 4-D, é dicir, tres dimensións acompañada por efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido aos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela. Algúns destes sitios non son accesibles doadamente para o visitante convencional, como o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados ou o impactante botafumeiro que os visitantes poderán alcanzar coas súas propias mans.

Aniversario CRTVG

Por outra banda a mostra acollerá, durante a súa estadía en Ourense, unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo conmemorativo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico.

Tamén, grazas ao plató “Chroma Key”, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.

A través da exposición Galiciadixital, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que participan en todo o percorrido.

A mostra foi visitada, nas súas dúas dimensións de itinerante e permanente, por preto de 650.000 persoas dende a súa orixe, no ano 2000, o que a converte na segunda exposición máis visitada de Galicia.