Rogelio Martínez inaugura a nova aula CeMIT de Verín

Mércores 21 de Setembro de 2011

Rogelio Martínez inaugura a nova aula CeMIT de Verín

A Xunta de Galicia pretende converter as aulas CeMIT en espazos abertos de comunicación e acceso público a Internet

Os veciños de Verín teñen a súa disposición 12 ordenadores na aula CeMIT situada na Casa da Cultura.

O Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, acompañado polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e polo Subdirector xeral de Planificación de Telecomunicación, Ignacio Otero, inaugurou hoxe unha ampliación da aula CeMIT de Verín ubicada na Casa da Cultura. Malia que Verín xa estaba integrada na rede CeMIT dende o ano 2000, a Xunta investiu uns 100 mil euros na substitución de ordenadores antigos por novos equipamentos así como a mellora do espazo.

Coa posta en marcha e mellora dos CeMIT ( Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica) a Xunta de Galicia pretende dotar ós veciños dun espazo aberto de comunicación que se configura como un vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade autónoma, convertendo este aula nun servizo apropiado para familiarizar á cidadanía coas canles e soportes audiovisuais e multimedia facilitando o acceso de balde a INTERNET e conseguindo a alfabetización dixital.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, na súa intervención, asegurou que “o goberno galego está a cumprir co compromiso adquirido coa cidadanía, que non era outro que o de contar cunha aula de Modernización e Inclusión Tecnolóxica a menos de trinta minutos da residencia de cada galego/a e acadar unha aula avanzada. A Rede CeMIT é unha realidade. Ao rematar este ano haberá en funcionamento 96 aulas en 91 concellos de Galicia”, dixo

Martínez insistiu en que “xuntando esforzos, entre administración autonómica e local, realizáronse cursos de arte floral, de taichi, de automaquillaxe, cursos de multimedia e audiovisual, alfabetización dixital, xornadas de traballo con outros países para explotar liñas comerciais, encontros entre emigrados e os seus parentes galegos”, asegurou.

A Xunta de Galicia achega a Verín o 80% do custo da persoa contratada como axente Tic e conseguiuse que practicamente todas as aulas teñan contratada unha persoa responsable de mobilizar á cidadanía para que faga uso das instalacións e dos sistemas tecnolóxicos contando para iso cos servizos de apoio técnico da Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia ten feita unha aposta clara por dotar de infraestruturas á administración local no eido das tecnoloxías da comunicación, iniciativas que arrancan da programación do ano 2000, cunha inversión de máis de 5 millóns de euros.

Coas 60 aulas de alta tecnoloxía e 35 aulas dotadas de equipamento para a alfabetización dixital, que compoñen a actual Rede CeMIT, a cidadanía galega conta cun aula a menos de 30 minutos do seu domicilio.

Os concellos onde están situadas as aulas CeMIT contarán co apoio da Xunta de Galicia para garantir o mantemento tecnolóxico dos mesmos, así a esta finalidade dedicamos anualmente 560.000 € para o servizo de centro de atención a usuarios e soporte técnico.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia

Un aula CeMIT é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.

A Rede Rede CeMIT é un servizo público e gratuíto para todos a cidadanía financiado pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos onde se sitúan.

Cursos aulas CeMIT

As aulas CeMIT de cincuenta e nove localidades galegas acollerán de aquí a decembro cursos gratuítos relacionados co sector multimedia e audiovisual, dentro do Programa de Formación Multimedia e Audiovisual 2011 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia.

A través deste tipo de cursos, que combinan a modalidade presencial e on-line, os interesados poderán coñecer de primeira man todo o relacionado coa creación de videoxogos, o desenvolvemento de webs para móbiles ou o streaming de audio e vídeo dende as 59 aulas CeMIT que a Rede ten distribuídas por toda Galicia.

Durante os catro días de duración de cada un dos cursos, emitirase un video documental realizado para a ocasión cos contidos de cada un deles seguido dunha explicación e resolución de dúbidas (titorización) polo técnico experto a través de videoconferencia. Neste momento, hai en total xa máis de cincocentas persoas inscritas (252 no curso de creación de videoxogos, 138 no de creación de webs para móbiles, e 118 no de streaming de audio e video). Os interesados poden reservar a súa praza a través da web, www.cemit.xunta.es, ou do número de teléfono, 902 222 321.

O primeiro en celebrarse será o curso de creación de videoxogos (30 horas), que se desenvolverá a partir da vindeira semana; o seguinte será o de creación de webs para móbiles (30 horas), a partir do 24 de outubro; e por último, o curso de streaming de audio e video (30 horas) que se impartirá a partir do 21de novembro.

A Xunta de Galicia puxo en marcha o Programa de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernizacón e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) a través do cal se imparten durante este ano en 89 concellos galegos máis de mil cursos gratuítos cunha asistencia estimada de 10.000 alumnos.