Retegal xestionará unha rede de case 1.900 quilómetros de fibra óptica, a tecnoloxía máis avanzada para o acceso á banda larga

Venres 06 de Agosto de 2010

Retegal xestionará unha rede de case 1.900 quilómetros de fibra óptica, a tecnoloxía máis avanzada para o acceso á banda larga

O Consello da Xunta aprobou onte a Retegal a contratar á empresa Ufinet a ampliación de 800 quilómetros de fibra óptica por un importe de preto de 13 millóns de euros

Deste xeito a Comunidade disporá de potentes infraestruturas que permitirán achegar os servizos de telecomunicacións ás zonas máis illadas tecnoloxicamente

Favorecerá a competitividade ao estar á disposición dos operadores privados que desexen usala, permitindo acelerar o despregamento da banda larga naquelas zonas con máis dificultades de acceso

Este paso enmárcase na Acción 2 do Plan de Banda Larga 2010-2013 para dotar de conectividade a todo o territorio galego

O Consello da Xunta autorizou onte ao operador público Retegal a contratación á empresa Unión Fenosa Redes de Telecomunicación (UFINET) a ampliación de 800 quilómetros de fibra óptica por un importe de 12,9 millóns de euros para a implantación da banda larga en Galicia. Este paso enmárcase na Acción 2 do Plan de Banda Larga (PBL) 2010-2013, que contempla o desenvolvemento das redes troncais e infraestruturas públicas (fibra óptica, radioenlaces, localizacións) na Comunidade Autónoma.

Para acadar este obxectivo resulta imprescindible a ampliación da rede de fibra óptica existente. Para isto instalaranse 800,54 quilómetros de fibra óptica que se sumarán aos 1.054,81 xa existentes para conformar unha rede de 1.855,35 quilómetros sobre á que se implementarán tecnoloxías de última xeración que permiten a transmisión de datos a unha velocidade de 10 xigas.

Esta actuación dotará á Comunidade dunha potente rede de telecomunicacións coa tecnoloxía máis avanzada en canto á capacidade de crecemento, calidade, posibilidades de evolución e maior velocidade de transporte. Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través de Retegal xestionará unha infraestrutura que lle permitirá unha gran capilaridade para achegar á Rede as zonas máis illadas tecnoloxicamente que ata o de agora non podían acceder aos servizos dixitais máis avanzados.

Ademais, o desenvolvemento desta infraestrutura favorecerá a competitividade ao estar á disposición dos operadores privados que desexen usalo, permitindo acelerar o despregamento da banda larga naquelas zonas con máis dificultades de acceso.


Cobertura
Esta fibra óptica despregarase formando dous aneis xeográficos, o primeiro no norte de Galicia e o segundo no sur. Asemade, esta rede de fibra estenderase, na súa topoloxía final, aos emprazamentos troncais de Retegal.

Estes emprazamento permitirán proporcionar unha ampla cobertura ás denominadas zonas brancas, segundo as directrices da Unión Europa, que son aquelas áreas nas que non existe infraestrutura de banda larga ou nas que non é probable que se desenvolva de inmediato.

Así, a rede despregarase de xeito tal que, dende os emprazamentos de Retegal dominantes nos montes galegos se poida dar cobertura sen fíos de acceso á Internet aos cidadáns residentes nestas áreas,  e que permitirán o intercambio do tráfico de datos mediante fibra óptica cos operadores privados de telecomunicacións.

Plan de Banda Larga
O Plan Director de Banda Larga 2010-2013 (PBL), que está a desenvolver a Xunta a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, constitúe o marco estratéxico de actuación destinado á procura dun acceso de calidade á banda larga, da práctica totalidade dos cidadáns e empresa galegas, como un dos motores principais para o desenvolvemento de Galicia, con especial foco naquelas zonas máis desfavorecidas.