Retegal realizará traballos de mellora no equipamento da TDT que poderán afectar ao sinal en zonas de Touro, Arzúa e Vila de Cruces

Luns 11 de Xuño de 2012

Retegal realizará traballos de mellora no equipamento da TDT que poderán afectar ao sinal en zonas de Touro, Arzúa e Vila de Cruces

Os labores desenvolveranse entre as 9 e as 18,30 horas deste mércores, día 13 de xuño

A empresa pública Retegal acometerá, o vindeiro luns, traballos de mellora no equipamento da TDT instalado no seu centro emisor de Touro, que da servizo a uns 2.500 veciños dos concellos de Touro, Arzúa e Vila de Cruces.

Estes labores, que repercutirán nun mellor servizo para os cidadáns, realizaranse entre as 9,00 e as 18,30 horas do mércores día 13, e afectarán a todas as canles ubicadas neste centro, tanto as canles autonómicas (TVG, V Televisión e Popular TV), como as canles privadas estatais (La Sexta, Antena 3, Telecinco, Cuatro, etc.).

Durante o período que duren os traballos de mantemento non se poderá garantir a emisión do sinal destas canles de televisión, aínda que se tomarán todas as medidas posibles para acurtar ó máximo tanto a duración como o impacto no servizo.

O motivo de escoller o mencionado horario diúrno ven determinado pola propia natureza dos traballos a realizar, xa que implican labores en altura sobre os equipos instalados na propia torre. Non obstante, cómpre lembrar que Retegal dispón dun teléfono de atención ó cidadán (901 100 424) ao que os cidadáns poderán dirixirse para solventar calquera dúbida.