Retegal presidirá un ano máis a Asociación Nacional de Operadores de Telecomunicacións UNIRED
Está integrada por empresas de sete comunidades cun volume de negocio de 100 millóns de euros, que xestionan máis de 2.500 centros de telecomunicacións
O pasado ano incorporáronse a UNIRED as empresas públicas Nasertic de Navarra e Multimedia IB das Illas Baleares
O operador público Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), presidirá por segundo ano consecutivo a Asociación Nacional de Operadores de Telecomunicacións UNIRED.
UNIRED está integrada por sete membros con sede en diferentes comunidades autónomas:, Itelazpi de Euskadi, Retegal de Galicia, Telecom CLM de Castela A Mancha, AST - Aragonesa de Servizos Telemáticos, Axión, empresa andaluza de ámbito nacional, Nasertic de Navarra e Multimedia IB das Illas Baleares, estas dúas últimas uníronse a asociación o pasado ano. A actividade agregada destas empresas suma máis de 100 M€ e xestionan máis de 2.500 centros de telecomunicacións, o que converte a UNIRED nunha das maiores asociacións de operadores de telecomunicacións de España.
Actividade 2014
A actividade da asociación baséase no intercambio de experiencias dos membros e a realización de accións conxuntas nos seus diversos campos de acción: redes de TDT, aluguer de infraestruturas de telecomunicacións, despregamentos de redes de banda ancha, redes de emerxencias, etc. Con este fin establecéronse diversos grupos de traballo comúns con actividade continua durante todo o ano.
Durante o 2014 analizaranse temas de gran importancia no sector, como o dividendo dixital ou a Axenda Dixital Europea 2020, nos que a asociación será un importante foco de opinión e acción.
Así mesmo, este ano continuarase o labor de comunicación cos organismos oficiais do sector, como a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI).
Sobre UNIRED
UNIRED ten como obxectivo defender os intereses comúns dos asociados e quere converterse nun foro ou lugar de encontro para impulsar a colaboración entre todos os participantes, compartindo o coñecemento, as inquietudes e a experiencia adquirida en diferentes proxectos con idea de mellorar a xestión das empresas e minimizar os investimentos e custos propios da devandita actividade.