Retegal inicia a elaboración dun plan sectorial para a implantación e desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicación da Xunta de Galicia
A empresa pública, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, está a desenvolver un papel clave no Plan de Banda Larga para posibilitar a conexión a Internet de todos os galegos
Retegal conta con case200 centros de telcomunicacións e construirá outros 116 ata 2013 para facilitar a extensión da banda larga en toda a Comunidade
A empresa pública de Telecomunicación Galegas Retegal, está a elaborar un Plan Sectorial para a implantación e desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicación que xestiona e que son da Xunta de Galicia.
Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, conta na actualidade con case 200 centros de telecomunicacións que están a ser clave no desenvolvemento do Plan de Banda Larga da Xunta para dotar da posibillidade de acceso a Internet a todos os galegos. Dous anos despois da súa posta en marcha o Plan posibilitou o acceso a internet a máis de 460.000 galegos dos 786.000 que non dispoñan deste servizo.
No marco deste Plan, Retegal ten previsto construír, entre o ano 2012 e 2013, 116 novos centros que permitirán dar servizo de banda larga a aquelas áreas do territorio galego que na actualidade non dispoñen do mesmo.
Obxectivos e liñas de actuación
Co obxectivo de que o desenvolvemento destes centros se realice de acordo coa lexislación vixente na materia, en especial coa ordenación territorial e medioambiental, Retegal comezou os trámites para a redacción dun Plan Sectorial que ten como obxectivos ordenar axeitadamente as infraestruturas existentes, formular a evolución previsible a medio e longo prazo, e estimar as necesidades das mesmas.
Así mesmo analizará as posibilidades de implantación de novas infraestruturas e instalacións para determinar os principais criterios de instalación.
Para alcanzar estes obxectivos o Plan ocuparase de:
a) Analizar todas as infraestruturas existentes xestionadas por Retegal e a situación urbanística na que se encontran cada unha delas e o papel que cumpren tanto dende un punto de vista loxístico como operativo e tecnolóxico dentro da rede pública.
b) Establecer as medidas que se consideren necesarias para a súa posible evolución e conservación
c) Cuantificar as necesidades de infraestruturas terrestres que, a curto e medio prazo, se detectan nas catro provincias que integran o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Localizar as áreas territoriais máis deficitarias destas infraestruturas.
e) Deseñar criterios obxectivos de localización para os distintos ámbitos de solo que haberán de ser reservados para a creación destas infraestruturas.
A elaboración do Plan Sectorial de Retegal encaixa dentro do proceso de mellora das infraestruturas de telecomunicacións que está a levar a cabo a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia , para conseguir unha Comunidade conectada que poida acceder aos novos servizos da sociedade da información e tamén proporcionalos dende a propia Administración autonómica.