Retegal e a comunidade de montes de Darbo acordan o mantemento do centro de telecomunciacións situado nestes terreos do concello de Cangas

Domingo 02 de Xuño de 2013

Retegal e a comunidade de montes de Darbo acordan o mantemento do centro de telecomunciacións situado nestes terreos do concello de Cangas

Desde estas instalacións o operador público presta servizo de TDTa máis de 5.200 veciños e é unha das infraestruturas da Xunta que está a facilitar o acceso á banda larga a 3.400 habitantes do municipio que carecían de cobertura

O concello de Cangas facilitou o acordo asumindo o arranxo de camiños e desbroces do monte

A Comunidade de Montes de Darbo prolongará a cesión do terreo que, actualmente ocupa no Monte da Madalena, o centro de telecomunicacións que xestiona o operador público Retegal e desde o que se veñen prestando servizos de telecomunicacións aos veciños da zona dende principios dos anos 90.

O acordo entre Retegal e a Comunidade de Montes contou coa colaboración e participación do Concello de Cangas, que asinou un convenio coa Comunidade de Montes para asumir os arranxos de camiños e desbroces do monte, o cal redundará no beneficio de todos os comuneiros e veciños do concello.

O Centro de Telecomunicacións situado en Darbo emite o sinal da Televisión de Galicia, da Radio Galega, así como de todas as canles de TDT ás parroquias de Darbo, Coiro, Meira, Santo André de Comesaña, Oia e Saiáns, prestando servizo a 5.257 veciños. Ademais, desde este centro se está a posibilitar a cobertura de Internet a través do Plan de Banda Larga da Xunta, que facilitou o acceso á rede a 3.400 habitantes de Cangas e a 10.700 da Comarca do Morrazo, que carecían deste servizo. Tamén se prestan servizos de radiocomunicacións a Protección Civil e Bombeiros.

Potente Rede de Telecomunicacións
Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, conta na actualidade con máis de 200 centros de telecomunicacións, que están a ser clave no desenvolvemento do Plan de Banda Larga da Xunta para dotar da posibilidade de acceso a Internet a todos os galegos.

No ano 2010 Retegal iniciou un reforzo das súas infraestruturas coa construción de novos centros de telecomunicación e a ampliación da rede de fibra óptica existente. Na actualidade cóntase cunha rede de 1.854 kms de fibra óptica sobre á que se implementan tecnoloxías de última xeración que permiten a transmisión de datos a unha velocidade de 10 xigas.

Esta actuación está a dotar á Comunidade dunha potente rede de telecomunicacións coa tecnoloxía máis avanzada en canto á capacidade de crecemento, calidade, posibilidades de evolución e maior velocidade de transporte. Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través de Retegal xestiona unha infraestrutura que lle permitirá unha gran capilaridade para achegar á Rede as zonas máis illadas tecnoloxicamente que ata o de agora non podían acceder aos servizos dixitais máis avanzados.