Retegal construíu en menos dun ano 58 torres de comunicación e realizou actuacións en 115 centros da súa rede para impulsar a extensión da Banda Larga en Galicia

Domingo 29 de Maio de 2011

Retegal construíu en menos dun ano 58 torres de comunicación e realizou actuacións en 115 centros da súa rede para impulsar a extensión da Banda Larga en Galicia

O operador público está a ampliar tamén a rede de fibra óptica da Comunidade o que permitirá dispoñer de potentes infraestruturas para achegar os servizos de telecomunicacións ás zonas máis illadas tecnoloxicamente

Estas actuacións enmárcanse no Plan de banda larga da Xunta de Galicia

O operado público Retegal construíu nos últimos dez meses 58  torres de comunicacións e realizou actuacións en 115 centros da súa rede, o cal supuxo un investimento superior ós 16 millóns de euros neste período.

Estas actuacións enmárcanse nunha das liñas estratéxicas do Plan de Banda Larga da Xunta,  que establece a potenciación do operador público Retegal dotándoo de máis medios, capacidades e converténdoo nunha ferramenta que permita optimizar e acelerar a extensión da banda larga. Esta medida permitirá o aproveitamento de toda a infraestrutura pública actual e consecuentemente a redución dos custos e tempos do despregamento da banda larga na Comunidade. O investimento previsto para reforzar as infraestruturas de Retegal en toda Galicia acadará os preto de 32 millóns de euros no período 2010-2013.

800 novos quilómetros de fibra óptica 
A principal liña de investimento no reforzo das infraestruturas de Retegal  é a ampliación da rede de fibra óptica existente.  Para isto estanse a instalar 800 novos quilómetros de fibra óptica que se sumarán aos 1.054,81 xa existentes para conformar unha rede de1.855,35 quilómetros sobre á que se implementarán tecnoloxías de última xeración que permiten a transmisión de datos a unha velocidade de 10 xigas.

En menos dun ano o operador público estendeu xa  600 novos quilómetros de fibra óptica dos 800 previstos coa correspondente electrónica de comunicacións para unir un total de 30 centros de telecomunicacións de operador público distribuídos por toda Galicia e que permitirá a conexión destes á alta velocidade. Estes centros uniranse tamén co resto dos 400 centros e microcentros de telecomunicacións de Retegal en toda Galicia mediante radioenlaces.

Esta actuación está a dota á Comunidade dunha potente rede de telecomunicacións coa tecnoloxía máis avanzada en canto á capacidade de crecemento, calidade, posibilidades de evolución e maior velocidade de transporte. Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través de Retegal xestionará unha infraestrutura que lle permitirá unha gran capilaridade para achegar á Rede as zonas máis illadas tecnoloxicamente que ata o de agora non podían acceder aos servizos dixitais máis avanzados.

Outras liñas de investimento que se están a realizar implican a execución de novos centros de telecomunicacións ou o reforzamento dos existentes, construíndo novas torres, dotándoos de sistemas de alimentación eléctrica ou acondicionando as instalacións á fin de poder prestar servizos de telecomunicacións  con altos niveis de calidade e fiabilidade.

Retegal conta cun centro de xestión e atención de rede (CEXAR) operativos as 24 horas do día, os 365 días do ano. Neste centro se monitorizan todos os servizos prestados pola empresa ás administracións públicas da Xunta de Galicia e ao resto dos seus clientes. Este servizo compleméntase cun servizo de mantemento propio tamén operativo as 24 horas do día e que permite solventar as incidencias que se produzan en calquera centro da rede en menos de 4 horas.

Este despregamento permitirá dispoñer da infraestrutura de telecomunicacións necesaria para que os operadores privados de telecomunicacións poidan proporcionar servizo de acceso a internet de banda larga aos cidadáns cuxa residencia se sitúa en áreas nas que non existe infraestrutura de banda ancha ou nas que non é probable que se desenvolva de inmediato.