Retegal acolle a reunión anual da unión de operadores de red de radiodifusión y telecomunicación

Mércores 24 de Novembro de 2010

Retegal acolle a reunión anual da unión de operadores de red de radiodifusión y telecomunicación

A asociación UNIRED, está integrada polos operadores públicos de Aragón, Euskadi, Castilla La Mancha e Galicia

Analizarase a situación da TDT, o dividendo dixital, os plans de extensión da banda larga e a implantación de redes de emerxencia TETRA

Representantes dos operadores de rede de Galicia (Retegal), Aragón (Aragón Telecom), Castilla-La Mancha (Telecom- CLM) e País Vasco (Itelazpi), integrantes da Unión de Operadores de Red de Radiodifusión y Telecomunicaciones (UNIRED), reúnense hoxe en Santiago convocados pola operadora autonómica Retegal. Esta é a quinta reunión que celebra a asociación UNIRED, constituída en xullo de 2006 para o desenvolvemento conxunto de servizos e a potenciación das redes e recursos de cada operador.

A secretaria xeral de Modernización, e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, inauguraron esta mañá a xuntanza de traballo que se está a celebrar en Santiago.

Obxectivos

Esta xornada de traballo ten como finalidade compartir as experiencias desenvolvidas no eido das telecomunicacións e, ao mesmo tempo, afrontar os diversos retos compartidos polas Comunidades Autónomas de Aragón, Euskadi, Castilla La Mancha e Galicia. Así os representantes dos operadores das cinco comunidades analizarán a situación da TDT, o dividendo dixital, os plans de extensión da banda larga ou a implantación de redes de emerxencia TETRA.

Outro dos obxectivos da xornada será o de establecer unha plataforma dixital que permita a colaboración efectiva de todos os membros do grupo, así como establecer observadores tecnolóxicos que permitan a avaliación das novidades desenvolvidas no eido das telecomunicacións.

Estas ferramentas de colaboración e observación permitirán potenciar a cooperación entre as empresas, nun momento en que diversas tecnoloxías que marcarán o futuro das telecomunicacións se encontran en forte desenvolvemento. Tratase de novos servizos e tecnoloxías no eido da radiodifusión ou as chamadas Redes de Nova Xeración tanto sen fíos como de fibra óptica.

Potenciación de Retegal

O Goberno galego impulsou a potenciación do operador público Retegal no marco dos retos que está a asumir esta empresa pública dentro das accións do Plan de Banda Larga 2010-2013, que se está a levar a cabo para facilitar o acceso á rede de todos os galegos. Con este obxectivo a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica dispuxo un investimento de 35 millóns de euros, que permitirán converter a Retegal nun novo ente que está a dotar de conectividade a todo o territorio galego.

No marco tecnolóxico actual no cal todos os contidos converxen nunha mesma rede, resulta primordial que Retegal, lonxe de permanecer alleo, se adapte ao mesmo, deixando de ser considerado soamente un elemento de difusión de sinal de TV e radio para converterse no auténtico subministrador de servizos de telecomunicacións (telefonía, televisión, radio, internet, etc) que permitirá conectar os lugares máis remotos de Galicia cunha calidade de servizo equiparable á que pode obterse nas grandes cidades.