Responsables da área tecnolóxica de empresas galegas participan o xoves no Centro Demostrador TIC nunha xornada sobre análise de solucións de virtualización

Mércores 13 de Xuño de 2012

Responsables da área tecnolóxica de empresas galegas participan o xoves no Centro Demostrador TIC nunha xornada sobre análise de solucións de virtualización

Mostrarase aos asistentes os beneficios e vantaxes diferenciais na Virtualización de Aplicacións Críticas de Negocio

A sesión vai dirixida aos responsables TIC das empresas galegas que dispoñan dun CPD ou teñan prevista a súa instalación

As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir

O vindeiro xoves o Centro Demostrador TIC acollerá unha xornada a cargo da empresa Bull sobre a análise e solucións de virtualización. A sesión está dirixida aos responsables da área TIC daquelas empresas galegas que dispoñan un CPD ou teñan prevista a súa instalación. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/392).

A sesión, que se celebrará de 11:00 a 12:45h, comezará coa presentación de como a optimización dos Centros de Proceso de Datos e a virtualización son elementos imprescindibles para poder alcanzar os obxectivos de eficiencia, flexibilidade e seguridade esixidos polas compañías.

A continuación, presentarase a estratexia de infraestruturas optimizadas para a virtualización de entornos críticos co servidor Bullion que presenta interesantes características como son: optimización da infraestrutura, redución dos custes operacionais e protección da inversión.

No relatorio seguinte, o experto Tomás von Veschler, arquitecto de solucións en Red Hat presentará os beneficios e vantaxes diferenciais na Virtualización de Aplicacións Críticas de Negocio.

A sesión rematará cunha demostración do servidor Bullion, onde os asistentes poderán comprobar de primeira man os sistemas e funcionalidades desenvolvidos ao longo da mañá.

Empresa especializada en sistemas de comunicacións

A empresa con sede en Galicia, Bull (http://www.bull.es/) realiza a súa actividade no campo das chamadas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), ofrecendo infraestruturas e enxeñería que deseña e pon en funcionamento en todo tipo de sistemas e con variadas prestacións e  finalidades.

Bull deseña, instala e opera para empresas - tanto públicas como privadas - solucións internacionalmente recoñecidas, que converten aos sistemas de información nunha ferramenta de excelencia, de diferenciación e de creación de valor.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.