Raquel Arias subliña que o Plan de Banda Larga facilitou que preto do 97% dos veciños da comarca de Lugo conten xa con acceso a internet de calidade
A delegada territorial visitou a aula móbil ‘Roadshow Movistar Galicia’, que se atopa en Guntín, onde os despregamentos do Plan permitiron “que hoxe dispoñan de cobertura de banda larga case 20 veces máis veciños que antes da súa posta en marcha o plan hai tres anos”
Na actualidade, grazas aos despregamentos de infraestruturas promovidos pola Xunta, son xa máis de 27.000 os habitantes da comarca lucense que poden acceder a internet que ata a posta en marcha do plan non tiñan esta posibilidade
Cinguíndose só aos sete concellos situados no cinto da capital lucense, “a implantación das novas redes incluídas no plan supuxeron que a porcentaxe de cobertura pasase dun 18,71% ata elevarse a cerca do 93% na actualidade”, significou a representante do Executivo galego
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou esta mañá en Guntín que preto do 97% (96,37%) dos habitantes da comarca de Lugo dispoñen xa de acceso á internet de calidade. No caso concreto desta comarca, foron 27.355 persoas as que se beneficiaron do despregamento das novas infraestruturas incluídas no plan impulsado pola Xunta de Galicia para dotar de cobertura de banda larga a toda a comunidade.
Arias indicou que se están a “cumprir os obxectivos no desenvolvemento do Plan de Banda Larga” e subliñou que a incidencia deste plan nótase na cobertura que permitiu “en zonas de dispersión xeográfica”. Neste sentido, a máxima representante do Executivo galego significou que o caso desta comarca, que inclúe a capital provincial e os sete concellos da súa contorna, os datos resultan “unha proba patente da efectividade deste proxecto impulsado pola Xunta”.
Así, cinguíndose só aos sete concellos situados no cinto da capital da provincia (Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, Portomarín e Rábade), a delegada territorial destacou que “conseguiuse achegar unha cobertura de internet de calidade a case 17.000 persoas máis destes concellos, multiplicando por cinco a porcentaxe de veciños que dispoñen deste servizo con relación á existente ao inicio do plan (pasando do 18,71% de habitantes con cobertura hai tres anos ao 92,76% na actualidade)”. A previsión é incrementar a cobertura á práctica totalidade da poboación da comarca a finais de 2013. A porcentaxe restante, menos dun 2%, cubrirase vía satélite.
No caso particular por concellos, destacan precisamente os avances acadados precisamente en Guntín, onde se multiplicou “case por 20 o número de habitantes que contan con acceso a internet de calidade con relación a tres anos atrás”, expuxo Arias. Deste xeito, as actuacións dirixidas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permitiu que conten con este servizo na actualidade case 3.000 guntineses, cando no inicio do despregamento do Plan de Banda Larga só tiñan un servizo destas características 152 habitantes do municipio.
O cadro comparativo de cobertura nesta comarca cos datos actuais é o seguinte:
|
|
Habitantes totais
|
Cobertura antes do Plan
|
Cobertura
|
||
|
Actual
|
|||||
|
%
|
%
|
||||
|
Comarca de Lugo
|
120.328
|
73,64%
|
96,37%
|
||
|
CASTROVERDE
|
3.012
|
27,16%
|
79,78%
|
||
|
CORGO (O)
|
3.938
|
17,39%
|
98,00%
|
||
|
FRIOL
|
4.246
|
8,44%
|
95,82%
|
||
|
GUNTÍN
|
3.075
|
4,94%
|
96,59%
|
||
|
LUGO
|
97.635
|
86,41%
|
97,22%
|
||
|
OUTEIRO DE REI
|
4.936
|
41,32%
|
88,91%
|
||
|
PORTOMARÍN
|
1.763
|
10,99%
|
90,91%
|
||
|
RÁBADE
|
1.723
|
Sen cobertura de calidade
|
>98%
|
||
Arias cualificou a tecnoloxía como “chave mestra” para rachar o illamento xeográfico e resaltou os froitos da aposta tecnolóxica da Xunta. “Logramos que máis veciños de Galicia e, por suposto, desta provincia de Lugo teñan internet. E tamén logramos mellorar o acceso nos lugares onde se prestan servizos públicos en toda a comunidade, xa que arredor do 98% dos colexios, xulgados e centros de saúde poden acceder hoxe á rede con calidade”, expuxo.
A delegada territorial asegurou que se están a alcanzar os obxectivos do Plan de Banda Larga en prazo e en forma. A día de hoxe, coas accións do Plan de Banda Larga son xa preto de 125.000 os habitante da provincia que poden acceder a internet de calidade e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo.
‘Roadshow Movistar Galicia’
O Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que permanece durante a xornada de hoxe en Guntín, achegarase nas próximas semanas a boa parte dos municipios da provincia de Lugo co obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego.
Nas próximas datas, a aula móbil está previsto que visite os concellos de Baralla, Láncara, Castroverde, Cospeito, Castro de Rei, A Fonsagrada, A Pastoriza, Mondoñedo, Barreiros e Lourenzá.