Raquel Arias destaca que o Plan de banda larga promovido pola Xunta dotou de acceso de calidade á internet a preto de 8.000 persoas máis na comarca de Chantada
A delegada territorial indicou que no caso de concellos desta zona as actuacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permitiron “que se multiplicase case por tres a porcentaxe da poboación con cobertura nestes catro concellos con cobertura, que agora chega ao 93,76% dos veciños”
A día de hoxe, coas accións do Plan de Banda Larga son xa preto de 125.000 os lucenses que poden acceder a internet e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo
No ano 2013 prevese que mediante o despregamento de distintas redes a totalidade dos habitantes da comarca teñan acceso á banda larga de calidade
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou esta mañá que arredor do 94% (93,76%) dos habitantes da comarca de Chantada contan xa con acceso á internet de calidade, de cando menos 2Mbps de velocidade.
Arias indicou que se están a “cumprir os obxectivos no desenvolvemento do Plan de Banda Larga” e subliñou que a incidencia deste plan nótase na cobertura que permitiu “en zonas de dispersión xeográfica como sucede nos concellos desta comarca, nos que grazas as actuacións incluídas neste plan se multiplicou case por tres a porcentaxe de poboación con acceso de calidade a rede de redes”.
Neste sentido, significou que “o caso desta comarca, que se atopa na área pola que empezou o despregamento promovido pola Xunta a nivel de toda a comunidade resulta un exemplo do que supuxo esta actuación”. Así, Arias destacou que en apenas tres anos, “conseguiuse que arredor de 8.000 personas máis desta comarca contasen con dotación de acceso de calidade á internet, chegando na actualidade ao 93,76%, cando antes do inicio do plan só dispoñían deste servizo o 37,33%”.
No caso particular de cada concello, destacan os avances acadados en Carballedo, onde se multiplicou case por trece o número de habitantes que contan con acceso a internet de calidade (achegando este servizo na actualidade a case 2.100 veciños, cando no inicio do despregamento do Plan de Banda Larga só tiñan un servizo destas características 151 habitantes). No caso Chantada, a porcentaxe actual de cobertura chega ao 96,63% dos veciños e no concello de Taboada, o 98% dos habitantes contan xa con acceso de calidade.
Arias cualificou a tecnoloxía como “piar clave” para superar o illamento xeográfico e resaltou os froitos da aposta tecnolóxica da Xunta. “Logramos que máis veciños de Galicia teñan internet. E tamén logramos mellorar o acceso nos lugares onde se prestan servizos públicos en toda a comunidade, xa que arredor do 98% dos colexios, xulgados e centros de saúde poden acceder hoxe á rede con calidade”, expuxo.
Para o caso da comarca de Chantada, Arias indicou que esta mellora de cobertura débese aos despregamentos de redes fixas (ADSL) e redes sen fíos (3G) do Plan levados a cabo por Telefónica. Cómpre salientar que se trata dun plan a catro anos, así estímase que ao remate do presente ano a práctica totalidade da poboación da comarca disporá de acceso ao servizo de banda larga de calidade.
Concretamente, Telefónica seguirá a despregar redes sen fíos (3G) e, así mesmo, a poboación que non queda cuberta coas actuacións anteriores, poderá acceder mediante tecnoloxía satélite.
A delegada territorial asegurou que se están a alcanzar os obxectivos do Plan de Banda Larga en prazo e en forma. A día de hoxe, coas accións do Plan de Banda Larga son xa preto de 125.000 os lucenses que poden acceder a internet e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo.
‘Roadshow’ en Chantada
A delegada territorial fixo esta valoración coincidindo co presenza do Roadshow Movistar Galicia en Chantada, a aula móbil que se achegará nas próximas semanas a boa parte dos municipios da provincia de Lugo e que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego.