Raquel Arias destaca que a plataforma E-deidades “abre unha oportunidade para situar os negocios das empresarias lucenses no mercado exterior”

Xoves 22 de Setembro de 2011

Raquel Arias destaca que a plataforma E-deidades “abre unha oportunidade para situar os negocios das empresarias lucenses no mercado exterior”

A delegada territorial destacou a liña de colaboración seguida entre administracións e empresariado, que culminou na presentación desta web

Así mesmo, subliñou a implicación da Xunta coa modernización das empresas galegas, proporcionando ferramentas informáticas como o Portal do Comerciante, a rede Redic e a páxina Exportgalicia.com

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, valorou a iniciativa das empresarias lucenses para contar cunha plataforma en internet, E-deidades, xa que “ abre unha oportunidade para situar os seus negocios no mercado exterior”

Arias realizou estas declaracións durante a presentación da web, destacando así mesmo a eficacia do traballo conxunto desenvolvido entre as administracións –Xunta de Galicia, Deputación Provincial e Concello de Lugo- e a Asociación de Mulleres Empresarias para culminar este proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 15.000 euros.

A delegada subliñou a importancia de que as empresas galegas estean na rede, contribuíndo á súa internacionalización, e tamén de que todos os galegos e galegas teñan un acceso de calidade a internet. En ambos aspectos traballa a Xunta de Galicia –indicou-, a través de diversas ferramentas informáticas que pon a disposición dos emprendedores e do despregamento do Plan de Banda Larga en toda a comunidade.

Con respecto ás primeiras, Raquel Arias informou da recente posta en marcha do Portal do Comerciante Galego, chamado a ser un instrumento de modernización e ordenación do comercio local.

Por outra banda, a Xunta de Galicia concibiu a rede Redic como “un nexo de unión permanente entre os comerciantes, as súas organizacións representativas e a administración”, asegurou a delegada. Esta rede proporciona asesoramento e apoio técnico aos profesionais e información ás corporacións locais, permitindo mellorar os procesos de modernización das pequenas e medianas empresas.

Así mesmo, o portal Exportgalicia.com serve de axuda a tódolos empresarios para favorecer a súa presenza no exterior. A delegada fixo un chamamento a todos os empresarios e empresarias a servirse destas webs como medio para ampliar os seus negocios.

En relación ao acceso dos cidadáns a internet, Arias lembrou que o Plan de Banda Larga logrou duplicar as taxas de cobertura de internet na provincia en apenas un ano, “pasando dun escaso 35% de lugueses que podían acceder á rede en boas condicións ao 75% actual; o obxectivo –avanzou- é chegar á totalidade da poboación”.