Radioloxía do CHOU conta desde hoxe con novas instalacións e equipos que melloran a súa capacidade asistencial
Grazas ás obras de reforma o servizo amplía a súa superficie no Sta. María Nai en máis de 317 metros cadrados, nun área axunta ás unidades de radiodiagnóstico de mama e tórax
A dispoñibilidade de espazo compleméntanse con novos equipos de diagnóstico por imaxe de última xeración que permiten acceder á información en tempo real
A nova área supuxo un investimento de mais de 254.000 euros, resultado dunha mellor xestión económica que posibilitou a reinversión tecnolóxica”
O Servizo de Radioloxía e Radiodiagnóstico do Complexo Hospitalario de Ourense ven de estrear unha nova área, totalmente equipada, que amplía as súas instalacións no Santa María Nai, centro no que se centralizará a partir de agora a oferta de radiodiagnóstico para pacientes ambulatorios ou programados.
As obras de reforma e remodelación, dos espazos antes ocupados por Radioterapia, supuxeron un investimento por parte do CHOU de 50.000 euros e habilitaron unha superficie de 317 metros cadrados, para a creación dunha área asistencial e de servizos distribuida en dúas salas de exploración ecográfica, unha sala de Radioloxía Convencional, dúas salas de informes, baños, almacéns e catro salas de espera, para radioloxía de torax, de ecografía, radioloxía xeral e ecografía de mama.
Á nova dispoñibilidade de espazo compleméntase con novos equipos de diagnóstico por imaxe de última xeración, como a nova sala de radioloxía convencional, totalmente dixital, que xa prescinde de chasis, non sendo preciso o revelado e/ou dixitalización deste, xa que a imaxe se graba na propia memoria do equipo e amosase directamente na pantalla, para a súa comprobación por parte técnico e, seguidamente, seu almacenaxe no arquivo de imaxes dixitais do CHOU (PACS). O que permite que os radiologos accedan, case de inmediato, ás imaxes para realizar os informes, accedendo á información en tempo real.
Esta axilización do proceso de obtención e manexo da imaxe vai permitir, segundo o explicou a xefa do Servizo de Radioloxía e Radiodiagnóstico, Rosario Villamil Cabezudo, realizar o doble de exploracións que as que se realizaban cun equipo con chasis, facendo posible pasar dunhas de 30-34 exploracións a 80.
Reinversión tecnolóxica grazas a mellora da xestión económica
A nova sala de RX supuxo un investimento de 149.000 euros, que foi posible asumir grazas ao aforro que suponrá prescindir do revelado e impresión das imaxes radiolóxicas, nunha iniciativa que a xerente xeral do complexo, Eloína Núñez Masid, definíu como de “mellora da xestión económica para facer posible a reinversión tecnolóxica”.
Nesta liña, a xerente subliñou que, co mesmo criterio, o CHOU adquirirá un novo TAC de última xeración, de 16 cortes, para instalar neste área, pagando mensualmente menos do que custa a asistencia e mantemento dun dos existentes na actualidade.
A renovación tecnolóxica da posta en marcha deste área completase cun novo Ecógrafo Doppler Color, con dúas sondas, que supuxo un investimento de 55.000 euros, xa instalado e funcionante.
A nova área de radiodiagnóstico, resultante desta ampliación, parte coa visión de centralizar, nun mesmo espazo, a atención radiolóxica programada de pacientes ambulatorios, estando previsto contar desde o mes de setembro con acceso independente deste a rúa, ao carón do Servizo de Medicina Nuclear, e oferta de radioloxía de panorámica dental, coa instalación dun ortopantomógrafo.