Provedores TIC galegos recibirán máis de 1,8 millóns de euros do estado para o desenvolvemento de solucións cloud
Máis de 40 empresas TIC galegas resultaron beneficiarias do Programa de Axudas para o fomento da Oferta Cloud, impulsado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es
Galicia atópase entre as comunidades autónomas con maior número de empresas beneficiarias, o que dá conta da aposta do sector TIC galego polas tecnoloxías Cloud
A Amtega, a través do servizo CDTIC Virtual, ofrece ás pemes unha contorna onde poden probar este tipo solucións
Un total de 44 empresas TIC galegas recibirán 1,8 millóns de euros do "Programa para o fomento da oferta Cloud”, convocado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade Red.es. Galicia convértese nunha das comunidades con maior número de beneficiarios, o que dá conta da aposta do sector TIC galego polas tecnoloxías Cloud Computing.
Este programa de axudas, en cuxa difusión en Galicia colaborou o Centro Demostrador TIC da Amtega, permitirá as empresas tecnolóxicas galegas desenvolver proxectos de migración ou desenvolvemento de solucións software para pemes baixo a modalidade de Software as a Service, cunha axuda máxima de 60.000 euros e mínima de 25.000 euros por beneficiario.
Cloud Computing, tecnoloxía clave no futuro das empresas
O Cloud Computing é un modelo de tecnoloxía que pon á disposición do tecido empresarial unha serie de recursos de xestión aloxados na nube aos que se pode acceder desde Internet e en calquera lugar. O Cloud posibilita aos autónomos e ás pemes aforrar custos, flexibilizar os procesos de xestión e incrementar a produtividade das empresas e eficacia.
No “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información en Galicia: Empresas TIC 2015”, publicado polo OSIMGA, puxo de manifesto a posta do sector TIC galego por esta tecnoloxía, así o 39,6% das empresas TIC galegas empregan este tipo de servizos e o 44,9% destas, oferta tamén esta tecnoloxía, xerando por este tipo de produtos e servizos un 27,3% do seu volume de negocio.
Centro Demostrador TIC Virtual, servizo para probar solucións cloud
O servizo de CDTIC Virtual posto en marcha pola Amtega, ofrece ás empresas, organizacións e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas.
Na actualidade, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual son Xeshostal, un software para a xestión hoteleira; Owncloud, un servizo de compartición de arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; así como CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social.
As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como profesionais ou empresas na web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou aplicacións que lles interesen. Ata o momento xa o fixeron preto de 80 empresas usuarias do CDTIC Virtual.