Profesionais da Administración, a universidade, e o sector empresarial analizan a situación das mulleres no sector TIC

Luns 16 de Maio de 2011

Profesionais da Administración, a universidade, e o sector empresarial analizan a situación das mulleres no sector TIC

A Secretaría Xeral de Modernización celebra o mércores a Xornada Construíndo un Sector TIC en Igualdade

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, celebra o mércores 18 a Xornada “Construíndo un sector TIC en igualdade”. Expertos en diferentes áreas analizarán a situación actual para achegar conclusións que axuden a impulsar de maneira específica a presenza do perfil profesional das mulleres no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

Nas tres mesas redondas nas que se estrutura a xornada analizarase a situación das mulleres nas empresas TIC, e as barreiras que dificultan a súa presenza en profesións relacionadas coas novas tecnoloxías. Ademais, examinaranse os factores que inflúen na escolla do itinerario profesional. A xornada rematará coa presentación dalgunhas experiencias e casos de éxito das mulleres emprendedoras no sector das TIC e no tecido empresarial en xeral para ilustrar a importancia deste equilibrio no desenvolvemento económico e no benestar da sociedade.

Esta xornada forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal, a estratexia da Xunta de Galicia no ámbito das novas tecnoloxías, e realízase no marco das actuacións da Unidade da Muller e Ciencia.

A xornada, organizada en colaboración coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, celebrarase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en Santiago de Compostela de 09:30 a 13:30 horas.Todas as persoas interesadas en asistir poden inscribirse, de forma gratuíta, enviando o formulario de inscrición ao enderezoinfo@fundacioncalidade.org Fax: 981 957007 ou Tlf.: 881 999012 / 881 999117.