Preto do 80% das sedes xudiciais galegas contan con conexión a internet de 100 megas grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica completou a implantación desta tecnoloxía punteira en 35 das sedes dos 45 partidos xudiciais da Comunidade
As Redes de Nova Xeración permiten un acceso ata dez veces máis rápido aos diferentes recursos na Rede e o acceso simultáneo de máis usuarios
A mellora da conectividade é un dos elementos chave no proceso de modernización da xustiza que se está a desenvolver a través do Plan Senda da Administración autonómica
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) posibilitou o acceso a redes de nova xeración con 100 Mbps de velocidade en 35 edificios das 45 sedes xudiciais existentes nas catro provincias galegas. Na provincia da Coruña dispoñen desta conectividade o 78% das sedes xudiciais, en Pontevedra o 100%, en Ourense un 55% e en Lugo un 66%.
A mellora da conectividade dos xulgados é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.
A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito os empregados dos xulgados poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poderán conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.
Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e avanzar na modernización da xustiza con iniciativas como o Plan Senda para introducir as TIC no eido xudicial galego, que leva investidos 13,7 millóns de euros no período 2009-2012. As medidas do Plan abranguen a mellora das infraestruturas de telecomunicacións das sedes xudiciais, a implantación e actualización dos sistemas de información.
Máis de 1 millón de galegos con acceso a 100 Mbps
Para o desenvolvemento de iniciativas como o Plan Senda e para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar con infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha o Plan de Banda Larga 2010-2013, que está a posibilitar que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade que lles permita integrarse de xeito efectivo na sociedade da información.
Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración en colaboración co operador R e que xa permitiu que máis de un millón de galegos teñan acceso á redes de fibra óptica de 100 Mbps, que permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao usuario e adaptarse máis rapidamente ás novas Tecnoloxías da Información e Comunicación.
Xuntase cadro por provincias coas sedes conectadas con esta tecnoloxía.