Preto de 60 técnicos de urbanismo de 37 concellos asisten hoxe a unha xornada formativa en materia de novas tecnoloxías nas aulas CeMIT de Vimianzo, Monforte, Pontevedra E Verín
Enxeñeiros de Telecomunicación explicarán a estes profesionais as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas
Forma parte dun Plan formativo cun total de 20 xornadas destinadas aos técnicos dos 315 concellos galegos
Coa documentación xerada crearase un manual de referencia para os municipios galegos que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación destes permisos
As aulas CeMIT de Vimianzo, Monforte, Pontevedra e Verín hoxe unha xornada formativa destinada aos técnicos municipais e responsables dos gobernos locais con competencias en materia de urbanismo e novas tecnoloxías. Na xornada, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, participarán preto de 60 profesionais de 37 concellos da catro provincias galegas.
O obxectivo deste curso, enmarcado nun Plan formativo que destinado a técnicos dos 315 concellos galegos, é capacitar a estes profesionais na tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, tanto no relativo ás urbanísticas como ás de nova apertura ou funcionamento.
Esta iniciativa enmárcase nun convenio asinado entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira, e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, no que ademais se contempla o fomento das Telecomunicacións e da Sociedade da Información a través de outras accións como a promoción de proxectos innovadores no eido das TIC en Galicia.
Xornadas formativas
En total serán 20 xornadas formativas, repartidas por toda a Comunidade galega e que se celebrarán nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT). As xornadas comezaron en setembro e desenvolveranse polo resto da Comunidade ata o 25 de outubro.
A duración de cada un dos cursos é de catro horas en horario de catro a oito da tarde e estarán dirixidos por enxeñeiros de Telecomunicación con gran experiencia neste campo e pertencentes ao COETG.
Nas clases explícanse as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas, dende a normativa vixente en materia de telecomunicacións ou ambiental, a aplicación do Código de boas prácticas e ordenanza tipo aprobada pola Comisión Sectorial para o Despregue de Infraestruturas de Radiocomunicación (CSDIR) ata aspectos relativos á seguridade e saúde así como as diferentes tecnoloxías dispoñibles na actualidade.
Cara a estandarización dos procedementos TIC nos 315 concellos galegos
A iniciativa xurdiu ademais coa vocación de que ao rematar as xornadas, a documentación xerada se converta nun manual de referencia para os concellos galegos. Un compendio documental que aglutine todo o necesario para unha axeitada tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, poñendo a disposición dos técnicos municipais a ampla bagaxe de coñecementos tecnolóxicos dos relatores pertencentes o COETG.
Ao final de cada curso, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia realizará entre os participantes unhas enquisas de satisfacción cunha análise dos resultados coas súas conclusións, coa finalidade de determinar a necesidade de desenvolver accións futuras no campo das TIC.
Xúntase listado dos concellos que participan:
Na aula CeMIT de Vimianzo: Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Laxe, Mazaricos, Vimianzo e Zas.
Na aula CeMIT de Monforte: Bóveda, Chantada, O Incio, Monforte, Ribas de Sil e O Saviñao.
Na aula CeMIT Verín: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Rairiz de Veiga, Riós, Sandiás, Verín, Vilar de Santos, Vilariño de Conso e Maceda.
Na aula CeMIT de Pontevedra: O Grove, Marín, Poio, Pontevedra, Sanxenxo, Soutomaior, Forcarei, Vilasantar, Vila de Cruces, Moraña e Portas.